A Galicia feudal
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Historia de Galiza |
---|
Prehistoria |
O Megalitismo |
Idade de Bronce |
Idade Antiga |
Cultura Castrexa |
Gallaecia |
Reino Suevo |
Idade Media |
Reino da Galiza |
A Época altomedieval |
A Galicia feudal |
Idade Moderna |
Idade Contemporánea |
O Século XIX |
A Restauración |
Século XX |
A Segunda República |
A época franquista |
Presente |
A época baixomedieval esténdese desde o século XI até a época da conquista de Constantinopla polos árabes e da descoberta de América, a fins do século XV. Para comprender mellor este período consulte o artigo sobre a Idade Media.
O fin do primeiro milenio viu certo medre demográfico e a repoboación de zonas cada vez máis ao sur, através do sistema de "presura". A comezos do segundo as costas padeceron os saqueos viquingos. Desde o século IX comezaron a aparecer pequenos núcleos rurais chamados "vilas", acompañados de "vilares" e "casais", característicos todos eles do hábitat disperso. De comezos do XIII data o proceso urbanizador. As institucións eclesiásticas atinxiron un notorio poder -as catedrais nas cidades e os mosteiros bieitos e cluniacienses no campo.
Durante todo este período, as terras fóronse concentrando en mans de grandes propietarios (que, debido á acusada diseminación dos predios, non posuían "grandes propiedades") e o número de pequenos propietarios foise reducindo. Unha parte dos dominios señoriais explotábanna directamente os señores através dun "villicus"; a outra parte por medio de servos e colonos. Incrementáronse os arroteamentos e intensificouse a horticultura; reduciuse o barbeito coa rotación trienal, introdúciuse o vesadoiro, utilízouse máis o ferro nos apeiros agrícolas e apareceron as aceas.
O reino de Galiza pasou progresivamente a depender dos ámbitos astur-leonés e posteriormente castelán-leonés até que, desgastada a sua nobreza en conflitos dinásticos, esmoreceu a súa capacidade de actuación. Depois das terríbeis fames e pestes do século XIV, a conflitividade social aumentou no século XV e provocou as revoltas irmandiñas (1431-1469).
[editar] O sistema feudal
A propriedade da terra constituía o elemento de diferenciación social e provocaba a necesidade de pedir protección. Esta protección pagábase encomendando terreos propios ou cedéndoos como pagamento de rendas; foise consagrando así o sistema de privilexios nobiliarquicos. A comezos do século XIII produciuse o renacemento -realmente nacemento- das cidades, relacionado ben co camiño francés (Portomarín, Melide, Arzúa), coas actividades mariñeiras (A Guarda, Baiona, Redondela, Pontevedra, Muros, Noia, Padrón, Coruña, Betanzos, Viveiro, Ribadeo), coas sedes episcopais (Mondoñedo, Ourense) ou por outros motivos (Ribadavia).
Á beira das catedrais e dos ses cabidos apareceron os conventos das ordes mendicantes: dominicos (Santiago, Ribadavia, Tui, Lugo, Coruña, Pontevedra, Viveiro, Ortigueira) e franciscanos/clarisas (Santiago, Coruña, Ribadeo(?), Viveiro, Lugo, Ourense, Pontevedra, Betanzos, Monterrei, Noia, Pobra do Deán, Herbón, Vilabade-Castroverde, Allariz).
Á fronte dos concellos figuraban os xuíces; estaban logo os correxedores (de carácter real) e xustizas maiores (de carácter eclesiástico) e finalmente os alcaldes e rexedores, escolleitos entre os fidalgos locais e os comerciantes. Para o conxunto, desde 1231 existiu o cargo de Meiriño Maior ("Adelantado Mayor de Galicia", ligado á familia dos Castro) con funcións gobernamentais, económicas, financeiras e xudiciais, co auxilio dos meiriños menores, dos oficiais reais e da maxistratura.