Camilo Nogueira Román
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Camilo Nogueira Román é un político e economista galego que naceu o 22 de novembro de 1936 no concello de Lavadores, integrado en Vigo logo da Guerra Civil. Estudou na Escola Industrial de Vigo e pasou polas escolas de Enxeñería Industrial de Bilbao e de Madrid. Tamén cursou a licenciatura de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago.
En 1964 entrou a traballar na fábrica viguesa de Citroën como enxeñeiro e participou nas grandes folgas obreiras de 1972. Formou parte de Galicia Socialista, un grupo que daría orixe ao sindicalismo nacionalista galego e que acabaría fusionándose coa UPG en 1971.
Contribuiu a fundar a Asemblea Nacional Popular Galega e o Bloque Nacional Popular Galego (foi nas listaxes de 1977). Tamén estivo implicado na creación do Partido Obreiro Galego (POG), que evolucionou cara Esquerda Galega, un partido nacionalista de esquerdas que chegou a acadar un deputado nas Autonómicas de 1981. Nesta época, Nogueira participou na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia.
Esquerda Galega fusionouse co Partido Socialista Galego e ambos os dous acabarían integrándose no BNG co nome de Unidade Galega en 1995.
Nogueira foi deputado no Parlamento galego nas lexislaturas 1981-85, 1985-89, 1989-93 e no período 1997-99 da lexislatura 1997-2001, ata que foi elixido deputado no Parlamento europeo (1999-2004). Na actualidade, Nogueira é membro da Executiva do BNG e responsable de Relacións Internacionais.