Fonema
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O fonema é a unidade mínima, desprovista de significado, da fala, consistente nunha emisión sonora identificábel e distinguíbel conceptualmente do resto. Constitúe a unidade lingüística da primeira articulación da linguaxe. É como a imaxe mental do son e serve para diferenciar palabras. Para a súa identificación utilízase a proba da conmutación.
[editar] Definición de fonema
Cada lingua presenta un número limitado de fonemas, usualmente entre vinte e cincuenta, que se combinan sucesivamente, ao longo da cadea da fala para constituir os significantes das mensaxes. Os fonemas defínense con referencia á súa substancia sonora por certas características que se atopan nos diferentes níveis de transmisión da mensaxe (nível motor, nível acústico, nível perceptivo, etc.)
Estes trazos fónicos chámanse trazos distintivos ou "pertinentes", que non se presentan xamais isolados. Os falantes de cada lingua aprenden a producir os movementos dos órganos da fala dunha maneira determinada, co que as ondas sonoras producidas portan eses trazos e se distinguen dos demáis da mesma lingua e con frecuencia dos semellantes noutras linguas.
Porén, a definición de fonema faise por contraste, é dicir, por conmutación: un fonema é diferente doutro cando existe unha parella de palabras consideradas distintas nas que a oposición se dá porque apareza un fonema e non outro. Por exemplo, os dous fonemas iniciais de coma e goma son diferentes porque os significados das secuencias sonoras son diferentes ("signo ortográfico" e "material elástico"). Debido a que son entidades fonolóxicas, os fonemas represéntanse entre barras, e estipúlase que os símbolos que representan os fonemas do exemplo son /k/ e /g/. En galego, utilízanse os símbolos do AFI para representar os fonemas.
Un mesmo fonema pode realízarse, polo tanto, através de sons diferentes (e o máis habitual e esperable é que así sexa), mais que posúen todos eles en común os trazos que opoñen ese fonema a todos os outros fonemas da mesma lingua. Estes sons diferentes chámanse alófonos.
Dous fonemas que pertenzan a dúas linguas diferentes non poden xamais ser semellantes estritamente, xa que cada un se define en relación aos outros fonemas da lingua á que pertence.
Tanto os fonemas, concepto pertencente á fonoloxía, coma as realizacións, relativas á fonética, poden definirse articulatoria ou acústicamente, aínda que o máis habitual é que se determinen por estas disciplinas respectivamente: é dicir, os fonemas pola fonoloxía dende unha perspectiva articulatoria e as realizacións directamente pola fonética acústica.
[editar] Fonemas en galego
En galego hai 25, que poderían ser descritos así:
- os vocálicos son sempre orais (nunca nasais como en francés ou portugués) e son 7: /a/, /e/ (e fechado), /ɛ/ (e aberto), /i/, /o/ (o fechado), /ɔ/ (o aberto) e /u/;
- os consonánticos oclusivos poden ser xordos (/p/, /t/ e /k/) ou sonoros (/b/, /d/ e /g/);
- os consonánticos fricativos tamén poden ser xordos ou sonoros (/f/, /θ/, /s/, /ʃ/);
- os nasais son sempre sonoros (/m/, /n/, /ŋ/ (n velar) e /ɲ/ (ñ));
- os líquidos poden ser vibrantes (/r/ e /ɾ/ (suave)) ou laterais (/l/ e /ʎ/ (en fillo);
Na escrita non existe unha correspondencia unívoca entre fonemas e a súa representación, os grafemas. Por exemplo, os grafemas B e o V correspóndense co mesmo fonema en galego, mais non en portugués. Para evitar esta ambigüidade no valor dos grafemas inventouse o Alfabeto Fonético Internacional ou AFI (IPA en inglés), ainda que ainda se ven transcricións que usan o Alfabeto da Revista de Filoloxía Española (RFE). No AFI, usado nos parágrafos anteriores, os fonemas deben ir transcritos entre barras e márcase o volume acentual cun apóstrofo: así verquer transcribiráse /beɾ'keɾ/. Dado que hai moitas menos letras que fonemas (que se transcriben como a súa realización central ou máis prototípica), bótase man de certos signos de todas as linguas do mundo: por exemplo, /x/ representa o fonema fricativo velar xordo que en castelán se escribe "J" e en alemán "CH". Os dígrafos nunca se transcriben como un fonema, senón como os dous aos que representa: chamar = /ʧaˈmaɾ/.
Nalgunhas zonas occidentais de Galicia, o fonema oclusivo velar sonoro (/g/) realízase aspirado e fricativo: é a chamada gheada. Nalgunhas localidades maiormente costeiras desta zona de gheada, o fonema fricativo interdental xordo (/θ/) non existe e no seu lugar aparece o fricativo alveolar xordo (/s/): é o chamado seseo.