Xavier Gómez Noya
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Xavier Gómez Noya naceu o 25 de marzo de 1983 en Basilea, (Suíza), fillo de emigrantes galegos, pero vive en Ferrol. Este triatleta, campión mundial sub-23 en 2003 e campión da Copa do Mundo de 2006, é un dos máis importantes deportistas galegos.
Especialista en natación, deporte no que posúe récords galegos en longas distancias, leva anos dedicándose ao triatlón e participou na primeira selección galega deste deporte, que debutou internacionalmente na Copa de Europa de Estoril, en 2006.
No ano 2004 non é seleccionado para os Xogos de Atenas pola Federación Española de Triatlón, o que motiva numerosas protestas do deporte en Galicia e ata no Congreso dos Deputados. Uns meses despois, o Consello Superior de Deportes retíralle a licenza para competir internacionalmente, por entender que a alta competición, sumada a unha valvulopatía aórtica que padece, lle pode supor un grave risco para a saúde. En febreiro de 2006, logo de intensas xestións e de ditames médicos internacionais, Gómez Noya recupera a licenza. Nesa mesma tempada remata segundo na Copa do Mundo de Aqaba, vence na Copa de Europa de Estoril e vence tamén na Copa do Mundo de Madrid, por diante do seu compañeiro Iván Raña.
Integrou a selección galega de triatlón na Copa de Europa de Estoril, a canda Alberte Trillo, Aida Valiño e Saleta Castro, e na Copa de Europa de Alexandrúpoli (Grecia), con estes triatletas e ademais Antón Ruanova.
[editar] Mellores resultados
[editar] Campionatos do mundo
Lugar | Posición | Data | Título |
---|---|---|---|
Queenstown (Nova Celandia) | 1 (iúnior) | 6.12.2003 | ouro (iúnior) |
Madeira (Portugal) | 8 | 9.5.2003 | |
Lausanne (Suíza) | 10 | 03.09.2006 |
[editar] Copa do Mundo
Lugar | Posto | Data | Marca | Título |
---|---|---|---|---|
Ton-ieon (Corea do Sur) | 4 | 12.06.2004 | 1:50'34" | |
Saldford (Reino Unido) | 9 | 25.07.2004 | 1:57'21" | |
Madrid (España) | 6 | 19.09.2004 | 1:56'37" | |
Doha (Bahrain) | 10 | 3.03.2006 | 1:53'00" | |
Aqaba (Xordania) | 2 | 10.03.2006 | 1:47'35" | Prata |
Madrid (España) | 1 | 04.06.2006 | 1:53'09" | Ouro |
Corner Brook (Canadá) | 3 | 23.07.2006 | 1:55'10" | Bronce |
Hamburgo (Alemaña) | 1 | 09.09.2006 | 1:43'01" | Ouro |
Beixín (China) | 2 | 24.09.2006 | 1:52'58" | Prata |
Cancún (México) | 1 | 5.11.2006 | 1:47'32" | Ouro |
Moolooolaba (Australia) | 2 | 25.3.2007 | 1:49'26" | Prata |
Ademais foi campión de España sub-23 de triatlón en 2003 e prata e bronce nos campionatos de España absolutos en 2003 e 2004, respectivamente. En 2006 proclamouse campión de España de triatlón por primeira vez, por diante de Iván Raña. Foi campión de España de acuatlón en 2002, 2003 e 2004.
A súa primeira participación no Campionato de Europa foi en Autun, (Francia), en 2006, onde quedou quinto.