Castelo de Vimianzo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Índice |
[editar] Situación
O Castelo de Vimianzo ou Torres de Martelo, atópase na entrada da vila, na parroquia de Vimianzo, no concello do mesmo nome, provincia da Coruña. Na actualidade acolle unha mostra permanente de artesanía popular.
[editar] Descrición e características
Atópase en moi bo estado de conservación. Conserva partes do século XIII, ainda que a maioria pertencen aos séculos XIV e XV
O edificio ten planta poligonal irregular adaptándose ao terreo. Componse de tres torres defensivas rectangulares ao redor dun patio de armas ademais da torre da homenaxe, coas súas voladas ameas.
As ameas en punta de diamante que antes rodeaban a totalidade do castelo só se conservan na Torre da Homenaxe e no paseo dun dos muros. O seu perímetro está rodeado na súa totalidade por un profundo foso. Tamén conserva o camiño de ronda e no portalón de entrada ao patio pódese velo escudo con cabeza de lobo dos Moscoso.
A cercanía da fortaleza á costa permitíalle controlar as rotas comerciais do Mar do Norte, os negocios da sardiña e do sal e os botíns dos barcos que naufragaban nestas costas.
[editar] Historia
Construido entre finais do século XII e principios do XIII, posiblemente pola familia Mariño de Lobeira. Desta primeira construción apenas queda nengún vestixio, pese a que escavacións arqueolóxicas levadas a cabo na década dos oitenta descubriron os cimentos dunha gran torre no actual patio de armas.
No ano 1348 o rei Afonso XI confiscou esta fortaleza a Roi Soga Mariño de Lobeira, para venderlla ao arcebispo compostelano Xoan García de Manrique. Pasou despois a mans do duque de Arjona, Fadrique Enriquez e calcúlase que entre 1425 e 1429 pasou por primeira vez a formar parte das propiedades dos Moscoso. A historia deste castelo vincúlase dende entón a nobre familia dos Moscoso de Altamira, emparentados coa familia dos Traba, familia a dos Moscoso que constituirán o Condado de Altamira na persoa de Lope Sánchez de Moscoso, primeiro conde de Altamira.
Neste lugar tivo Pedro Madruga preso ao bispo de Tui, Diego de Muros, que pagou polo seu rescate setecentos mil reais.
Durante a revolta irmandiña este castelo non foi unha excepción, asediado foi tomado polas armas e destruido en 1467. Pouco antes, en 1465, serviu de prisión para o Arcebispo de Compostela Alonso de Fonseca II, engaiolado nunha xaula (que a lenda dí de ouro), durante dous anos, por orde de Bernal Sánchez de Moscoso.
Ó rematar a revolta o castelo reconstrúese por orde de Fonseca II. non será ata 1472 cando volte a máns dos moscoso por obra do Conde de Altamira, Lope Sánchez de Moscoso. A partir deste momento será o centro da xurisdición señorial de Vimianzo, con dominio sobre Camariñas, Laxe, Zas e Muxía.
A partires do século XVI co traslado dos Altamira a corte administrarán as súas posesións os alcaides ou meriños.
En 1833 suprímense as xurisdicións señoriais e so Altamira venden o castelo en 1870 a Ramón Martelo Núñez.
A última gran reforma foi realizada no século XIX por Evaristo Martelo Paumán, Marqués de Almeiras, xa que nesta época o castelo estaba en bastante mal estado polo que acometeu obras para facelo habitable. Posteriormente a súa filla, Dolores Martelo de la Maza, solteira e sen descendencia, cedeu a fortaleza, ironias do destino ao Arcebispado de Santiago, que tanto puxara por él en tempos pretéritos. Finalmente en 1973 foi comprado pola Deputación da Coruña, que o acondicionou para a súa visita.