Editorial Galaxia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Editorial Galaxia é unha editora galega fundada en 1950 e radicada en Vigo.
Rematada a Guerra Civil española apenas se publicaron libros en Galiza e moito menos en galego. A edición, igual que a resistencia política e cultural, desenvolveuse neste período principalmente en América (México, Uruguai, Arxentina), arredor de figuras como Castelao, Manuel Puente, Arturo Cuadrado ou Luís Seoane, auténticos motores da produción editorial no exilio. En 1949 publicouse en Pontevedra a colección de poesía Benito Soto, promovida por Sabino Torres, Cuña Novás, Álvarez Negreira e Celso Emilio Ferreiro. Polas mesmas datas saíron os primeiros títulos de Bibliófilos Gallegos, e máis a Editorial Monterrey, da man de Luís Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez, orientada maiormente cara á edición de bibliofilia. O proxecto Galaxia consolidouse, de entre todas elas, como o máis estábel e o de máis continuidade, e constituíu a referencia obrigada do rexurdimento da actividade intelectual na Galiza interior.
O 25 de xullo de 1950 celebrouse no bodegón do hotel Compostela, en Compostela, a asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Presidida por Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca das Letras, e coa presenza de personalidades senlleiras do galeguismo, como Manuel Gómez Román, secretario do Partigo Galeguista. A Editorial Galaxia convertiuse no núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo, obrigado á clandestinidade e ao exilio despois da guerra civil. Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro foron as tres personalidades que desde o primeiro momento orientaron a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galega, nos tempos difíciles da ditadura. A resistencia galeguista deseñou daquela un programa de acción cultural e política que frutificou sobre todo nas seguintes xeracións. Máis de medio século despois, os seus catálogos son referencia obrigada do libro e a creación galega do noso tempo.
A oferta de Galaxia ten carácter xeralista, como corresponde a unha editora que, seguindo aos seus principios fundamentais, tenta manter activo o proceso de modernización da sociedade lectora, incorporando temas, asuntos e xéneros, novas propostas e novas liñas de traballo e investigación. O seu proxecto concrétase en coleccións de clásicos, traducións de grandes autores da literatura universal, poesía, ensaio, guías de ocio e de medio ambiente, libros de viaxes, literatura infantil e xuvenil, gastronomía…, e atinxe dende a creación literaria e o pensamento á didáctica e os materiais de referencia escolar, como manuais, dicionarios, etc.
A Editorial Galaxia ten publicados uns 2.000 títulos, dos cais a metade xa están descatalogados. Desde 1963 edita trimestralmente Grial. Revista galega de cultura.
O seu primeiro libro publicado foi Antífona da cantiga (1951), de Ramón Cabanillas.