Enrique Tierno Galván
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Enrique Tierno Galván (8 de febreiro de 1918, Madrid – 19 de xaneiro de 1986, Madrid). Político, sociólogo e ensaísta español. Doutor en Dereito, Doutor en Filosofía e Letras, Catedrático de Dereito Político dende 1948 ata 1953 na Universidade de Murcia, e dende 1953 ata 1965 na Universidade de Salamanca.
[editar] Biografía
Foi o primeiro en traducir o Tractatus de Ludwig Wittgenstein e realizou importantes achegas sobre a novela picaresca, a novela histórica e a socioloxía de masas. Home moi culto, escribiu unhas interesantes Acotaciones a la historia de la cultura occidental en la Edad Moderna (1964) e traduciu a obra fundamental de Edmund Burke, as Reflexiones sobre la Revolución Francesa.
Foi procesado en 1957 polas súas actividades políticas. En agosto de 1965 foi expulsado da universidade por apoiar as protestas estudiantís en contra da ditadura franquista, xunto cos profesores universitarios José Luis López Aranguren e Agustín García Calvo. En 1966 trasládase a Estados Unidos onde foi profesor na Universidade de Princeton (1966-1967). Afiliado ó PSOE (Partido Socialista Obrero Español) na clandestinidade, e expulsado despois por diferenzas doutrinais, ó voltar a España, en 1968, funda o Partido Socialista del Interior (PSI), que posteriormente, en 1974, pasou a chamarse Partido Socialista Popular (PSP). Ese mesmo ano, xunto ó Partido Comunista de España (PCE), o Partido del Trabajo de España (PTE), o Partido Carlista (PC) e numerosas personalidades independentes, formaría a Xunta Democrática de España (XDE).
Morto Franco en 1975, ó ano seguinte foi reposto na súa cátedra. Nas primeiras eleccións democráticas, o 15 de xuño de 1977, obtivo a acta de deputado por Madrid, nas listas do PSP (o PSP obtivo en ditas eleccións seis deputados), pero rematou por integrar o seu partido no PSOE, do que foi elixido presidente de honra (abril de 1978). Nas primeiras eleccións municipais da democracia (abril de 1979) preséntase á alcaldía de Madrid. Aínda que o seu partido non é o máis votado (foi a UCD), unha coalición co PCE dálle a alcaldía. É reelixido, tamén co apoio do PCE nas eleccións de maio de 1983. Permaneceu no cargo ata o seu pasamento en xaneiro de 1986. Durante os cáseque sete anos de mandato, levou a fin importantes reformas, alcanzando unha grande popularidade. Escribiu un interesante libro de memorias, Cabos sueltos (1981), nunha prosa culta e irónica excelente. Nembargantes, os seus adversarios acusárono de desfigurar a súa propia traxectoria.
Aínda así, gañouse o agarimo dos madrileños cos seus humorísticos e ben escritos Bandos municipais e con iniciativas que coidaban os detalles pequenos como devolver os parrulos ó Manzanares e as flores ós parques públicos, incluso entre a xente nova, ó apoiar a chamada Movida madrileña. O seu enterro, o día 21 de xaneiro, converteuse nunha das concentracións máis numerosas ocorridas na capital de España.
[editar] Obra
Coñecido cariñosamente como O vello profesor, foi autor de varias obras, e nestas destacan:
- Los Supuestos escotistas en la política de Juan Bodin (1951)
- Sociología y Situación (1954)
- Costa y el Regeneracionismo (1961)
- Humanismo y Sociedad (1964)
- Diderot como pretexto (1965)
- Conocimiento y Ciencias Sociales (1966)
- Babeuf y Los Iguales (1967)
- Tradición y Modernismo (1973)
- Sobre la novela picaresca y otros escritos (1974)
- Democracia, Socialismo y Libertad (1977)
- Cabos sueltos (1981)
Ademais foi o encargado de redactar o preámbulo da Constitución española de 1978.
[editar] Véxase tamén
- Constitución española de 1978