Francisco Fernández del Riego
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Francisco Fernández del Riego, nado en Vilanova de Lourenzá en 1913, vén desenvolvendo dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continúa aínda hoxe e que fai del unha dos personalidades máis destacadas de Galicia. Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega.
Fernández del Riego pertence á xeración de intelectuais xurdidos arredor do grupo Nós. Durante a República foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, e formou parte do Consello galego de Galeuzca (1934).
Foi xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto un dos principais impulsores da Editorial Galaxia (1950), empresa que liderou o proceso de restauración cultural na posguerra. En 1963 xurdiu desta editorial a revista Grial, que Del Riego codirixiu e para a que escribiu de forma asidua recesións literarias e artigos.
Ingresou en 1960 na Real Academia Galega cun discurso titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores. En 1997 presidiu esta institución.
O seu traballo no ámbito cultural e a súa extensa obra convérteno nun dos principais intelectuais galeguistas do século XX e comezos do XXI. Entre os seus libros destacan ensaios sobre a cultura e a literatura galegas como Historia da literatura galega, Galicia no espello, Diccionario de escritores en lingua galega, A xeración Galaxia e estranxeiras, como Letras do noso tempo.
Cultivou tamén a narrativa (O cego de Pumardedón) e a literatura de viaxes (As peregrinacións xacobeas, O camiño de Santiago e Galicia). Editou antoloxias poéticas e libros de vocabulario, escribiu gran número de artigos poéticos e biografías. Tamén é autor dun libro de memorias, O río do tempo (1991). No 2003 recompila a súa correspondencia con Cunqueiro e a edita en Galaxia co título Cartas ao meu amigo. Epistolario Mindoniense. No ano 2004 publica con Galaxia as súas memorias baixo o título de Camiño andado.
En 1995 doou á cidade de Vigo a súa colección de libros, que constitúe a Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego. É director da Biblioteca da Fundación Penzol, en Vigo.
Como unha das principais figuras de Galicia, foi recoñecido con numerosos galardóns (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Ouro, Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, Premio de creación Cultural da Xunta de Galicia, Premio Celanova, a casa dos Poetas, Medalla Castelao, Premio das Artes e das Letras de Galicia, etcétera). Foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e Galego Egrexio pola Fundación dos Premios da Crítica.