Galerías da Coruña
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
As galerías da Coruña son balcóns fechados con carpintería de madeira pintada de branco e cunha grande superficie de vidro que funcionan como miradoiros e que son características das vivendas da Dársena.
As galerías son, na verdade, as fachadas posteriores das casas. Datan do século XIX e teñen a súa orixe na aparición do mercado de vidro plano e cortado, fabricado inicialmente na Granxa de San Ildefonso (Segovia). Chegaron primeiro a Ferrol para acristalar as popas dos galeóns a mediados do século XVIII e aproveitáronse para fechar as vivendas de Ferrol, Pontedeume, Betanzos e Coruña. O propósito era o de permitir que entrase a luz o sol no interior das vivendas evitando a choiva. Tamén existen balcóns de ferro de forxa e de fundición.
Na Coruña apareceron no barrio da Pescadería e estaban condicionadas pola actividade pesqueira, xa que os soportais, que miraban para o mar, eran, de feito, a parte posterior das vivendas e todas teñen a súa entrada pola rúa Rego de Auga ou pola praza de María Pita. Os soportais utilizábanse para gardar os botes e realizar diversas faenas relacionadas coas redes, a salgadura e a venda do peixe (o mar chegaba a elas). A rúa Rego de Auga foi remodelada en 1869, e a solución das galerías foi adoptada unanimemente co tempo, de maneira que se poden atopar tendencias historicistas, racionalistas, vangardistas, neoclásicas e, fundamentalmente, modernistas.
Curiosamente, en 1875 o arquitecto municipal elaborou un informe negativo no que acusaba de ridículo o exceso de cristal e afirmaba que as fachadas perdían beleza e sorprendían desagradabelmente aos visitantes.