Historia de Porto do Son
Na Galipedia, a wikipedia en galego.

[editar] Antigüidade
Son numerosas as testemuñas que demostran a antiga ocupación humana de Porto do Son, sobre todo petroglifos, esparexidos por todo o termo municipal, e mámoas, sobre todo en Baroña. O asentamento castrexo máis importante é o castro de Baroña (de feito é un dos máis importantes de Galicia). Estivo habitado probablemente entre os séculos IV e III antes de Cristo. Foi romanizado e abandonado entorno ó século I antes de Cristo.
Por outra banda, en canto á era romana, aparte da xa citada romanización do castro de Baroña, atopáronse mosaicos romanos en Portosín, hoxe desaparecidos. O mesmo topónimo desta entidade de poboación probablemente vén de Portus Sinus. A vía per loca maritima pasaba polo termo municipal.
[editar] Idade Media e Moderna
A historia medieval deste concello foi moi tranquila. Entre outras cousas, é mencionable algúns ataques de piratas que se fixeron pola zona, por causa da situación do concello, a medio camiño entre Santiago de Compostela e o mar. Durante este período e tempos posteriores, o que vén sendo o concello actual dependeu de Noia, importante vila galega durante a Idade Media.
Durante a Idade Moderna o concello de Porto do Son seguiu sendo dependente da vila Noia. Son mencionables os preitos que houbo durante esta época entre os veciños sonenses e os doutros lugares, sobre todo relacionados coa pesca. Houbo un coa ordenanza noiesa, que prohibía empregar o xeito, pois os veciños sonenses o empregaban. Sen embargo, houbo outro cos veciños de Muros: esta vez eran os sonenses os que non estaban dacordo con empregar o xeito como facían os muradáns.
[editar] Historia recente
Durante o século XIX, coma en cantos outros lugares de Galicia, chegaron a Porto do Son empresarios cataláns. Creáronse fábricas de salgadura na capital municipal e en Portosín. Isto impulsou o sector pesqueiro, e deu traballo a gran parte da poboación do concello. A comezos do século XX o negocio deixou de ser rentable e pouco a pouco fóronse pechando as fábricas.