Igrexafeita, San Sadurniño
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Atención: Este artigo precisa un traballo de revisión.
Por favor vexa a lista de Artigos con problemas e mellóreo de acordo coas indicacións que aparecen nesa páxina. Cando os problemas se resolvan retire esta mensaxe e borre a páxina da lista de artigos con problemas, pero por favor non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado.
Santa María de Igrexafeita é unha parroquia que se localiza no leste do concello de San Sadurniño. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 250 habitantes (128 homes e 122 mulleres) distribuídos en 34 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando contaba con 293 habitantes.
Igrexafeita destaca pola beleza natural marcada pola acción milenaria das augas do río Castro, que suca toda a parroquia de leste a oeste. O río –case encaixonado- percorre Igrexafeita practicamente en liña recta deixando a un e outro lado desniveis importantes que son máis acusados na súa ribeira sur. De feito, desde as estribacións da parroquia que fai de límite cos concellos de As Pontes e As Somozas, pode observarse unha ladeira dunha altura media superior aos 300 metros completamente cuberta de fraga e eucaliptais que, ao seu tempo, aparece sucada por numerosos regatos. O máis importante deles é o da Pasada da Barra. Este rego nace no Forgoselo e manténse con auga durante todo o ano aínda que, como é lóxico, o inverno é a época na que se amosa toda a súa beleza.
A maior parte dos núcleos de poboación aséntanse ao longo da ribeira norte do río Castro e, máis concretamente, seguindo a estrada Ferrol-As Pontes e a nova autovía, que fendeu Igrexafeita en dúas metades. A configuración do terreo deixa entrever nalgúns puntos a abundancia de cuarcita que ten na Pena do Rei Mouro un dos meirandes conglomerados de seixo de toda Galiza.
Hórreos e vivendas tradicionais compoñen a maior parte da súa riqueza patrimonial, que se complementa coa igrexa medieval reformada entre os séculos XVIII e XIX. Neste templo –situado no lugar da Torre- hónrase á virxe do Viscordel. A arquitectura relixiosa complétase con cruceiros e coa ermida de Amido –no noreste da parroquia- erixida en honra a San Vicente e na que non adoita haber oficios.
En relación co patrimonio artístico cómpre destacar o recente descubrimento de importantísimas pinturas murais na igrexa que apuntan cara un estilo gótico. Estes murais conserváronse grazas ao retábulo barroco que se construíu diante delas salvagardando o muro. Abranguen toda a parede do fondo do presbiterio e esténdense pola parte da bóveda de cruzaría que quedou tapada polo retábulo. En principio os muros laterais e toda a bóveda de cruzaría estaban decorados, pero crese que nun intento de ennobrecer o templo buscouse a pedra picando a pintura mural, feito polo que hoxendía non se conserva.
En realidade, as pinturas que se poden observar na actualidade corresponden a catro pinturas de épocas diferentes. Da máis recente á máis antiga teriamos:
A primeira, a que máis espazo ocupa, corresponde á Asunción da Virxe. Nesta escea aparece representada na parte superior a Virxe con catro anxos que a soben ao ceo mentres outros dous a coroan.Toda a escena remátase na bóveda coa presenza de Deus Pai coas mans estendidas, bendicindo coa dereita e flanqueado por dous anxos trompeteiros.
Abaixo, a ambos lados aparecen os apóstolos divididos en dous grupos de seis coas cara cara arriba mirando á Virxe e as mans xuntas en sinal de oración. No grupo da dereita poden distinguirse a San Pedro coa chave e a Santo Tomás, que está xirado, e é o único que non está mirando á Virxe.
No segundo grupo da esquerda aparecen San Xoán coa palma e San Paulo. O resto están sen identificar.
A segunda pintura ocupa o recadro que está enriba da mesa do altar, entre un grupo de apóstolos e o outro, e chega en altura aos pés da Virxe. Trataríase dunha Anunciación. Nela pode verse un chan en perspectiva sobre o que se sitúa un xerro con lirios. Aos lados, tapados pola primeira pintura, intúense dúas figuras: a da dereita, de cor branca, sería o arcanxo Gabriel e a da dereita en vermello, a Virxe María. Esta pintura debeuse conservar porque cando se pintou a Asunción, este espazo debeu estar tapado por un pequeno retábulo, cadro ou simellante, o mesmo que ocorreu coa pintura principal e o retábulo barroco, pero a menor escala.
Da terceira pintura, os restauradores deixaron unha testemuña á vista, unha pomba situada nun pequeno recadro á dereita. Trátase do Espírito Santo, recoñecible polo nimbo que rodea a súa cabeza. Podería tratarse doutra Anunciación.
Da cuarta pintura xa quedan poucos restos. Os encargados da rehabilitación do conxunto deixaron pequenas mostras de cor na mesma cata da terceira pintura, na parte superior esquerda do recadro da pomba.
Esta cantidade de pinturas que se superpoñen teñen a súa explicación no cambio de modas ou gustos e no interese por renovar a estética da igrexa. Na restauración tentouse respectar en todo momento o orixinal, completando as formas só cando era necesario para unha mellor lectura da obra e sempre dunha maneira que se faga discernible do orixinal.
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de San Sadurniño | |
---|---|
Bardaos (Santa María) | Ferreira (San Paio) | Igrexafeita (Santa María) | Lamas (San Xiao) | Naraío (Santa María) | San Sadurniño (Santa María) | Santa Mariña do Monte (Santa Mariña) |