Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Creado en 1991, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) é unha entidade independente e sen fins de lucro que ten por obxecto principal a investigación dos problemas internacionais e a activación de estratexias que favorezan unha maior proxección de Galicia no mundo en tódolos dominios.
Índice |
[editar] Documentación e investigación
O IGADI recibe e analiza a prensa de numerosos países; arquiva obras, xornais, revistas e outros soportes documentais (anuarios estatísticos, teses, actas de coloquios, conferencias, etc) referidos á situación económica, social e política de cada país, rexional e mundial. Estes materiais constitúen a base para a creación do Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea (CIDIC). Así mesmo o IGADI promove a realización de investigacións sobre as máis diversas problemáticas de orde internacional.
[editar] Á disposición da sociedade
Ámbolos dous servicios concretan un programa de apoio ás colectividades de diferentes niveis educativos, ás empresas e outros axentes sociais, que se complementa coa activa divulgación de información ós medios de comunicación, movementos asociativos, parlamentarios, personalidades e institucións galegas.
[editar] Apoio e mediación
O IGADI ofrece un servicio de apoio e mediación para empresas e institucións que inclúe os seguintes aspectos particulares: realización de estudos sectoriais, de monografías, acompañamento de delegacións, tradución e interpretación, investimento e comercio exterior. Este servicio forma parte dun proxecto máis amplo que contempla a creación en Galicia dun Observatorio Exterior económico e sociopolítico.
[editar] Actividades públicas
Para difundir información e promover debates na opinión pública, o IGADI organiza seminarios, mesas redondas e conferencias. En permanente contacto con todo tipo de medios e institucións, facilita a presencia de membros do IGADI nos medios de comunicación, practicando unha política de intervención inmediata en cuestións de actualidade. Igualmente programa a realización de cursos de formación.
[editar] Relacións con outros centros e institucións
O IGADI mantén relacións de cooperación e de intercambio con outros centros de investigación estatais e internacionais. Ademais é signatario de convenios de colaboración con Universidades e con Administracións de diferentes niveis.
[editar] Financiamento
O IGADI financiase coas aportacións dos seus membros e colaboradores; coa remuneración dalgunhas das súas actividades e co apoio prestado polas Administracións Públicas, entidades financeiras e organizacións sociais.
[editar] Informacións adicionais
[editar] Texto da Cabeceira
O IGADI está dirixido por Xulio Ríos. O seu domicilio (provisional) é o seguinte: Avenida Joselín, 7. Portal 3-4ºB. 36300-Baiona (Pontevedra). Tel/Fax: 986 357238. e-mail: info@igadi.org.
O IGADI dispón do CIF G36741049. Está rexistrado no Censo de Asociacións e Entidades Culturais de Galicia (Dirección Xeral de Cultura): B-02-63/PO-403 libro 1 folio 151 expte. 1808. Igualmente está incluído no Rexistro de Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (Dirección Xeral de Relacións Institucionais): SGPA 96/13-ONGD-44. E no rexistro estatal de asociacións do Ministerio do Interior: número 105.600.