Lewis Carroll
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Lewis Carroll, pseudónimo de Charles Lutwidge Dodgson (1832 – 1898) foi un escritor, matemático, fotógrafo e pastor anglicano británico.
Fillo de Charles Carroll, pastor anglicano, naceu en Daresbury, Cheshire. Cando tiña 11 anos a familia trasladouse a Croft-on-Tees, Yorkshire. Educado polo seu pai, non foi á escola ata que tiña 12 anos, cando ingresou na prestixiosa Rugby School ata 1850, ao ano seguinte marcha a estudar a Oxford, ao remate dos seus estudos converteuse en profesor de matemáticas de Christ Church, un dos colexios universitarios de Oxford. En 1854 comeza a enviar relatos a poemas a revistas literarias como The Comic Times e The Train, e en 1856 utiliza por vez primeira o pseudónimo de Lewis Carroll. Ordenado diácono en 1861, o 4 de xullo de 1862 acompañou nun paseo polo Támesis a Alice Liddell e ás súas dúas irmás Lorina e Edith, fillas de Henry Liddell, deán do Christ Church. Acompañábao o tamén reverendo Robinson Duckworth, no decurso dese paseo Carroll contoulles ás rapazas un conto, como facía decote, pero diante o entusiasmo das repazas e diante a petición de Alice para que o escribise fíxoo e en febreiro de 1863 deulle un manuscrito co título de Alice's Adventures Under Ground (As aventuras de Alicia no sochán), que o propio Carroll destruíu para lle regalar un exemplar máis elaborado no nadal de 1864, e tamén fixo unha copia para os fillos do seu amigo George MacDonald, e por suxerencia del animouse a publicalo nunha edición que pagou pola súa conta, con ilustracións de John Tenniel co título de Alice's Adventures in Wonderland (Alicia no país das marabillas). Os 2.000 exemplares da edición esgotáronse axiña, e o libro converteuse nun éxito internacional (a primeira tradución para o galego data de 1984).
En 1871 publicou Alicia do outro lado do espello (Through the Looking-Glass and what Alice Found There), continuación de Alicia no país das marabillas. En 1876 editou o poema épico A caza do Carbairán (The Hunting of the Snark). Silvia e Bruno a súa última novela,publicouna en dous volumes, en 1889 e 1893.