Luis Álvarez Pousa
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Luís Álvarez Pousa (Viladerrei, Ourense) é profesor titular de Xornalismo Especializado na Facultade de Ciencias da Comunicación (Universidade de Santiago). Licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid; doutor en Historia Contemporánea pola Universidade compostelá. Colabora sobre temas de comunicación, cultura e xornalismo en diversas revistas especializadas, tendo impartido sobre estas cuestións numerosas conferencias dentro e fóra de Galicia.
Exerceu como xornalista en La Voz de Galicia durante 23 anos, xornal no que foi o seu primeiro cronista político nos anos da Transición, creando e dirixindo ata 1984 o seu primeiro Suplemento de Cultura. No grupo Voz ocupou asimesmo outros cargos de responsabilidade: coordinador xeral de Video Voz-TV, primeiro, e coordinador xeral da Multimedia Voz, despois, deixando daquela o grupo para incorporarse como profesor ó equipo que puxo en marcha a Facultade de Ciencias da Comunicación. Durante os anos 90, mantivo en La Voz de Galicia canda o debuxante Miguelanxo Prado a sección de opinión A contratempo. Dous dos premios que lle foron concedidos tiñan relación coa súa actividade xornalística: o Café del Bolengo (1985) ó mellor labor de opinión en Galicia, e o Atlántida-2003 que lle concedeu o Gremi d’Editors de Catalunya "pola súa traxectoria como promotor cultural e como xornalista cultural". Tamén recibiu o premio da Crítica-2000 ó ensaio pola súa obra A identidade fronte á rede.
Fundador das revistas Teima e Tempos Novos, que dirixe na actualidade. É tamén membro do consello asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), e membro dos consellos de redacción das revistas Tempo Exterior e Criterios. Traballou tamén nos medios audiovisuais: dirixiu e presentou Encontros, o primeiro debate na historia da TVG, e o programa semanal Extramuros, sobre as culturas europeas na canle galega. É contertulio fixo desde hai dous anos no programa Ganbara, de Radio Euskadi.
A principios dos 70 puxera en marcha e dirixiu as históricas Xornadas do Cine en Ourense. Entre 1983 e 1985 foi Director Xeral de Cultura, na Xunta de Galicia, creando entón o Centro Dramático Galego e o Arquivo da Imaxe.
É o director do Observatorio Galego dos Medios (OM) do CPXG.
[editar] Obras
- Prensa ameazada. Desde a transición ó fraguismo (Edicións Lea)
- A identidade fronte á rede. O reto mediático de Galicia na Sociedade da Información (Edicións Xerais)
- A contrapelo (estudo e edición dos artigos de Eduardo Blanco Amor en La Voz de Galicia)
- Figuracións (edición do publicado por Luís Seoane no rotativo coruñes)
Estes dous últimos publicados por Biblioteca Gallega, da que tamén foi coordinador editorial.
É á súa vez coautor de outros libros, entre eles: Globalización e cambio de milenio (Edicións Xerais), Periodismo de Fuente (Universidade Pontificia de Salamanca), Periodismo Especializado (Ariel).