New Immissions/Updates:
boundless - educate - edutalab - empatico - es-ebooks - es16 - fr16 - fsfiles - hesperian - solidaria - wikipediaforschools
- wikipediaforschoolses - wikipediaforschoolsfr - wikipediaforschoolspt - worldmap -

See also: Liber Liber - Libro Parlato - Liber Musica  - Manuzio -  Liber Liber ISO Files - Alphabetical Order - Multivolume ZIP Complete Archive - PDF Files - OGG Music Files -

PROJECT GUTENBERG HTML: Volume I - Volume II - Volume III - Volume IV - Volume V - Volume VI - Volume VII - Volume VIII - Volume IX

Ascolta ""Volevo solo fare un audiolibro"" su Spreaker.
CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Pan (alimento) - Wikipedia

Pan (alimento)

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Amasando o pan manualmente
Amasando o pan manualmente
Un tipo de pan
Un tipo de pan

O pan é un alimento básico elaborado con fariña, lévedo ou "masa nai" e auga; en ocasións engádense outros produtos para conferirlle determinadas cualidades, como especias, froitos secos, froitas confitadas, etc.

A fariña máis habitual é a de trigo, pero tamén se elabora coa doutros cereais, como o centeo, cebada ou, millo (a "broa") e mesmo outros produtos, como o arroz, a pataca e a soia.

O pan pode ser de lévedo ou ácimo. Co lévedo a masa aumenta de volume e faise lixeira e porosa. O pan ácimo non leva lévedo, só fariña e líquido e é máis consistente; pode ser cocido no forno ou asado nunha chapa ou mesmo frito.

Índice

[editar] Historia

Foi o alimento básico da humanidade desde a Prehistoria. Probablemente, os primeiros pans estarían feitos con fariñas de landras. Os arqueólogos desenterraron fragmentos de pan ácimo nas excavacións de poboados preto dos lagos suizos. Sábese que os exipcios elaboraban pan dende moi antigo e crese que descubriron a fermentación por casualidade. En Roma, na República xa había fornos públicos. Na Idade Media comezan a elaborarse distintos tipos de pan, e, como consecuencia, comeza o seu comercio.

O pan branco, feito con fariña refinada, era un privilexio dos ricos, e o pan negro era para o resto da poboación. Facíase á man, no propio fogar, ou nos fornos públicos. No século XIX comezaronn a empregarse algunhas máquinas.

No século XX a axuda de máquinas é total: amasadoras, fornos automáticos, transportadoras, enfriadoras, cortadoras, e ata máquinas para envolver. A finais deste século popularizáronse os pans integrais ou negros.

[editar] O pan en Galiza

Dous carros tradicionais galegos na eira xunto as medas do pan para mallar.
Dous carros tradicionais galegos na eira xunto as medas do pan para mallar.

Aínda que hoxe, pan denomina exclusivamente o feito con fariña triga, mentres que para o feito a partir doutras fariñas deba adxectivarse (pan de centeo, pan millo), a verdade é que, tradicionalmente, co nome de pan se designaba en Galicia non só o pan propiamente dito, do cereal que fose, senón tamén o propio cereal (fose trigo ou centeo), tanto cando aínda estea na terra, en verde, medrando, ou xa seiturado, na eira. Nalgures tamén se denomina así a terra sementada de centeo.

O pan branco, de trigo, moito máis valorado, era o pan das ocasións especiais, e por iso chamábano pan de festa, pan dos días de festa ou pan feiral. Máis usual era a denominación apocopada pantrigo.

O pan de centeo recibe tamén os nomes de pan centeo, pan centeio e pan negro.

O pan de millo ou pan millo é máis coñecido como broa ou boroa.

En Galiza, a importancia do pan é capital desde hai séculos, sendo unha grande base de alimentación para a poboación. O xeito tradicional de elaboración do pan é con fermento, o que fai que haxa que gardar un chisco de fermento para a elaboración da seguinte quenda de pan.

Os estilos son variados: dende o pan de bola, pasando polo tradicional molete -o cal adoita ter unha especie de 'moño' na zona central da parte superior-, ata o pan de broa, o pan centeo ou o pan co que se fan as empanadas.

[editar] O pan na cultura popular

De sempre, o pan recibeu un trato de respecto debido, seguramente, das implicacións relixiosas derivadas do seu uso por Xesucristo en momentos relevantes do nacemento do catolicismo. O feito de considera-lo pan como o corpo de Cristo esixía darlle un trato especial.

Moi probablemente os tempos da fame tiveron que intervir tamén nese mesmo tratamento respectuoso.

Por todo o anterior, nunca se debe tira-lo pan ó chan e se nos cae, debe recollerse inmediatamente e bicalo. Se alguén atopa un trozo de pan caído nun camiño, debe recollelo e colocalo onde ninguén o poida pisar.

Cando algún esmolante veña pedir e se lle dea un pan, tamén hai que bicalo antes de darllo. E o pobre debe repeti-lo xesto antes de agradecelo.

Tampouco se debe tira-lo pan sobrante ó lixo, pero admítese botalo ó lume.

É de mal agoiro deixar cravado o coitelo no pan, o mesmo que pousalo na mesa dado a volta.

Cando meten o pan no forno hai que rezar: Que Deus te aumente con san Vicente, que Deus te levede con san Mamede. Ou ben: Que Deus te acrecente e o señor san Vicente e a santa Mariña, pra que te fagan vir axiña.

Botando unha vacaloura na auga coa que se fai a masa para enfornar, crese que o pan leveda antes.

[editar] Refraneiro

  • A auga de san Xoán, leva o viño e tolle o pan.
  • A auga de san Xoán, tolle o viño e non dá pan.
  • A auga polo san Xoán tolle o viño e non dá pan.
  • A choiva no abril dá millo e dá pan.
  • A chuvia por san Xoán, tolle o viño e non dá pan.
  • A falta de pan, bo é pantrigo.
  • Á mesa sin pan non te poñas a xantar.
  • A pan de quince días, fame de tres semanas.
  • A pan duro, dente agudo.
  • Á porta do orador non botes o trigo ó sol.
  • A pouco pan, tomar primeiro.
  • Á que ten pan e capelo nunca lle falta mancebo.
  • A quen come ben o pan, é pecado darlle compango.
  • A quen come ben o pan é pecado o compango que lle dan.
  • A quen come pan, migallas lle quedarán.
  • A quen lle sobre pan, que manteña ben o can.
  • A quen non lle sobre o pan, que non críe can.
  • A quen queiras mal, cómelle o pan, e a quen ben, tamén.
  • A sardiña en san Xoán xa molla o pan.
  • A sardiña por abril cóllea polo rabo e déixaa ir, por maio ásaa no rescaldo e por san Xoán xa molla o pan.
  • A todo o que come pan, migallas lle cairán.
  • Abril frío e fornos quentes, alegría pros meus dentes
  • Abril frío, moito pan e pouco viño
  • Abril frío, pan e viño
  • Abril frío quer compango, viño e pantrigo.
  • Abril frío trai poias de tigo (Poias son pans de trigo)
  • Abril, pendoril; maio, engraio; e san Xoán, segaio.
  • Aceite, carne, pantrigo e sal, mercadoría real.
  • Aceitonas acedas, pan con elas.
  • Achegador da cinza, derramador da fariña.
  • Adiós, amo e ama, que tan bo pan como aquí fano na miña casa.
  • Agosto fáiselle maio ó que non ten pan sementado.
  • Alá vai serodio con temporao, mais non na palla nin no grao. (indica a diferencia na colleita dun e doutro)
  • Alá vaias, pan emprestado, onde volvas millorado.
  • Amigo por amigo, o bo pan e o bo viño.
  • Ano de brétemas, ano de medas.
  • Ano de laceira, en cada esquina unha panadeira.
  • Ano de néboas, ano de medas.
  • Ano de néboas, ano de medas, temperás e non tardeiras.
  • Ano de nevadas, ano de fornadas.
  • Ano hortelán, máis palla que gran.
  • Ano hortelán, moita palla e pouco gran.
  • Ano malo, panadeiras no mercado.
  • Anque comas azafrán, a boca que che sepa a pan.
  • Antes de pan viño, antes de viño touciño, e antes touciño que liño.
  • Antes de san Martiño, pan e viño. Despois de san Martiño, fame e frío.
  • Antes o pan que o viño e antes o touciño que o viño.
  • Antes pan que viño, antes viño que touciño, e antes touciño que liño.
  • Ara ben e fondo, e collerás pan dabondo.
  • As tormentas por san Xoán tollen o viño e levan o pan.
  • Ata curto, esterca a modo, ara xusto e fondo, e collerás pan dabondo.
  • Ata san Martiño, pan e viño; de san Martiño pra diante, fame e frío bastante.
  • Auga de febreiro, enche o graneiro.
  • Auga de san Xoán, tolle viño e non dá pan.
  • Auga en maio, pan todo o ano.
  • Auga fría e pan quente nunca fan bo ventre.
  • Benia ó pan que presta i a moza que o come.
  • Bo é pan con algo de compango máis.
  • Bo é o pan con algo máis.
  • Busca pan pra maio e leña pra abril, e bótate a dormir.
  • Cada meniño ó nacer trai un pan baixo do brazo.
  • Cada un busca o pan do seu mastigo.
  • Cando a carballeira zoa, sabe ben a broa.
  • Cando comas pan quente, non bebas auga fría.
  • Cando fores a chan alleeiro leva o pan no capelo.
  • Cando non hai fariña, sobra a peneira.
  • Cando o home ten leiras que traballar, e a muller fariña que amasar, na casa non falta pan.
  • Cando o trigo é louro, é o barbo coma un touro.
  • Cando o trigo está nos campos, é de Dios e mais dos Santos.
  • Cando o trigo vai louro, o muxe vale ouro.
  • Cando vaias a misa i ó muíño non chames polo veciño.
  • Cava fondo i terás gran.
  • Chocolate con petada na casa dos probes é comida rara, porque é cara.
  • Chova ou non chova, pan ha de haber de sobra.
  • Chuvia en san Xoán, tolle o viño e non dá pan.
  • Chuvia na semana da Ascensión cría nos trigos mourón, pro é un regalo san Pedro co seu xerro, san Cristobo co seu cobo, Santa María coa súa regazadiña, Santiago co seu canado, san Lorenzo co seu caldeiro penso, Nosa Señora coa súa ola e san Miguel co seu tonel. (refrán que alude ás chuvias de verán e nas que confían os labregos)
  • Coa chegada do cuco vén o pan ó suco.
  • Comas ben ou comas mal, a boca deixarala de pan
  • Come pan, bebe viño e tira pra diante polo camiño
  • Comer sempre con pan chega a cansar, se non hai algo pra compangar.
  • Con ben pan e moita leña, o inverno a ninguién empeña.
  • Con aceitonas e pan quente, mórrese a xente.
  • Con afán gánase o pan.
  • Con pan caseiro non vende o panadeiro.
  • Con pan e viño anda calquera o camiño.
  • Con pan e viño ándase o camiño.
  • Con pan e viño ben se pasa o camiño.
  • Con pan e viño faise o camiño.
  • Con pan e viño lévase o camiño.
  • Con pan e viño pásase o camiño.
  • Con pan ou sen pan, o que non morra vivirá por san Xoán.
  • Da bola e a rebola, que veña o demo e escolla.
  • Dá Dios pan a quen non ten moas.
  • Dáme pan e chámame can.
  • Dáme pan e di que son parvo.
  • Dáo Dios na eira, e tólleo Marta na maseira.
  • Dar do pan, e do pau.
  • De esta maneira o que non ten fariña, escusa peneira.
  • Desque chega o cuco, logo vén o pan ó suco.
  • Diga a miña veciña, e teña meu fol fariña.
  • Dios che dea poder na vila e na túa casa fariña.
  • Dios me dea paz na vila e na casa pan e fariña.
  • Dios nos dea moito pan e mala colleita.
  • Dios nos dea moito pan na mala anada.
  • Dios nos dea pan e pacencia e morte con penitencia.
  • Dixo o viño moi campante: “No corpo do home son valente e voante”. E dixo o pan: “Se eu vou diante”.
  • Dixo o viño: No corpo do home sou valente e boiante. E dixo o pan: Se eu vou diante.
  • Do pan de meu compadre boa rebanda miña comadre.
  • Do pan do meu compadre, grandes anacos ó meu afillado.
  • Do pan encetado calquera pilla un bocado.
  • Do pan encetado podese tallar boa arrebada sin conocerse nada.
  • Domingo de Entroido Larafuzán comícheme a carne, deixácheme o pan.
  • É millor pan duro que figo maduro.
  • En abril e maio fai fariña pra todo o ano.
  • En abril, espigas mil.
  • En abril, espigas mil, no maio todo espigado.
  • En agosto máis vale que sobre pan que non que falte viño.
  • En martes non te cases nin te embarques, nin o teu cocho mates, nin o teu pan cozas, nin a túa tea urdas, nin a túa filla cases, nin dos da túa casa te apartes.
  • En marzo, abrigo e pantrigo.
  • En marzo, abrigo, noces, pan e trigo.
  • En marzo abrigo, noces e pan de millo.
  • En marzo, espigarzo.
  • En marzo, ó abrigo con noces e pan trigo.
  • En marzo, o trigo nin por sementar nin nado.
  • En pan encetado corta quen quer (aplicado á moza que xa mantivo relacións, á que o refraneiro considera que xa pode ser de calquera)
  • En san Xoán seca a raíz o pan.
  • En san Xoán, a sardiña molla o pan.
  • En san Xoán, bótalle a fouciña ó pan; en Santa Mariña, da meda fai fariña.
  • En san Xoán, tanto queixo coma pan.
  • En san Xoán, tanto viño coma pan.
  • En san Xoán, xa a sardiña molla o pan.
  • En toda terra espiga o pan.
  • En todo tratar, e pan labrar.
  • En todas partes cocen pan.
  • Entre san Xoán e san Pedro, vén o pan ó vencello.
  • Fale a miña veciña e teña o meu fol fariña.
  • Fol mollado, masa leva.
  • Fol sobado, mala fariña leva.
  • Garda leña pra abril e pan pra maio.
  • Garda pan para maio e da leña para abril.
  • Gracias a Dios que cocemos sete petadas e nove debemos.
  • Gran debaixo do terrón, gran morto, e debaixo da pedra, torto.
  • Hastra san Xoan, toda a herba é pan.
  • Hastra san Martiño, pan e viño; de san Martiño adiante, frío e fame.
  • Hoxe viño e pan, o resto mañán.
  • Inda agora se come o pan da boda.
  • Labrador chalán, non colle viño nin pan.
  • Madeira de serra e pan de cazola, nunca sobran.
  • Maio frío, moito trigo; maio pardo, ano farto.
  • Máis vale pan con amor que galiña con dolor.
  • Máis vale pan con mel que pan sin el.
  • Máis vale que sobre pan que non que falte viño.
  • Marzo, espigarzo.
  • Marzo, espigas catro; abril, espigas mil.
  • Mesa de catalán, moita vianda e pouco pan.
  • Millor é un pouco pan duro que un figo enteiro maduro.
  • Moitos oficios tiña Galván e de ningún ganou pan.
  • Mordedura de alacrán, busca viño e busca pan, que mañá te enterrarán.
  • Na cama do can non busques o pan, nin no fuciño da cadela busques a manteiga.
  • Na mesa chea, ben cabe a fogaza allea.
  • Na noite de san Xoán andan os tolos / os probes pedi-lo pan, e na noite do ceboliño andan os vellos a pedi-lo viño.
  • Nin mesa sen pan, nin soldados sin capitán.
  • Nin o teu pan en bolas, nin o teu viño en sopas.
  • Nin o teu pan en roscas nin o teu viño en botas.
  • Nin o teu pan en sopas, nin o teu viño en probas.
  • Nin viña no baixo nin trigo no cascallo.
  • No agosto a fariña e no setembro a fouciña.
  • No ano caro, a peneira espesa i o cribo raro.
  • No bo ano, a palla é grau.
  • No mal ano, o grau é palla.
  • No marzo, abrigo; na eira, pantrigo.
  • No marzo abrigo, noces e pantrigo.
  • No san Xoán deixa o touciño e come pan.
  • Non busques o pan na cama do can.
  • Non dá bo pan a mala fariña.
  • Non hai mellor ciruxán que a boa carne, o bo viño e o bo pan.
  • Non hai pan sin afán.
  • Non hai pior afán, que moitos fillos e pouco pan.
  • Non hai pra pan e mercamos rosquillas.
  • Non lle negues o pan ó probe que de porta en porta vai, que ese amóstrache o camiño que mañán podes levar.
  • Non pon a galiña polo galo senón a fariña.
  • Non temos pra pan e mantemos un can.
  • Nunca está sin pan a casa en que se traballa.
  • O ano que non hai pan, ou muiñeiro ou hortelán.
  • O barbo é coma un touro cando o trigo está louro.
  • O barbo val ouro cando o trigo é louro.
  • O burro do xitano, en vendo o pan alonga o paso.
  • O caldo sin pan no inferno o dan.
  • O día de san Xoán molla o viño no pan.
  • Ó enfornar fanse os pás tortos.
  • Ó enfornar tórcense os pás.
  • O home mesquiño non colle forzas nin co pan nin co viño.
  • O moito pan tamén chega a cansar.
  • O morto á cova, o vivo á bola.
  • O pan alleo sempre é malo.
  • O pan alleo ten sete codias.
  • O pan ben arrendado, énchelle a eira ó seu amo.
  • O pan centeo é bo cando é alleo.
  • O pan comido e a compaña desfeita.
  • O pan, con ollos; o queixo, cego, e o viño, anexo.
  • O pan, con ollos; o queixo, sin ollos, e o viño, que salte ós ollos.
  • O pan da casa, farta.
  • O pan de trigo fíxoo Dios, e o de millo mandouno facer.
  • O pan, pan, e o viño, viño.
  • O pan pola coor, e o viño polo sabor.
  • O pan que foi ben sachado, enche o horrio do seu amo.
  • O pan que non se vende dispois dir á feira, é coma a fariña que non se peneira.
  • Ó pan quente ábrelle a gorxa.
  • O pan raro carga o carro.
  • O pan trigo e centeo máis val na barriga que no seo.
  • O peixeiro trae peixe, o panadeiro trae pan e as trasnadas san Xoán.
  • O que a can alleo dá pan, perde o pan e perde o can.
  • O que aúna en san Xoán, ou é tolo ou non ten pan.
  • Ó que come ben o pan, é pecado o compango que lle dan.
  • O que fala do coitelo é que ten gana do pan.
  • Ó que non lle sobra o pan, sóbralle o can.
  • O que non ten pan sementado, agosto fáiselle maio.
  • O que non ten pan teno que buscar, porque sin comer non se pode pasar.
  • O que non ten pra pan, que non críe can.
  • O que queira comer patacas por san Xoán, bóteas cando o pan. (aconsella bota-las patacas cando se sementa o trigo)
  • O que sementa no camiño cansa os bois e perde o trigo.
  • O que sementa sen semente, sega sen fouciño.
  • Ó que te quer mal, cómelle o pan; e ó que te quer ben, cómello tamén.
  • O que xexúa en san Xoán, ou é parvo ou non ten pan.
  • O trigo centeoso fai un pan moi proveitoso.
  • O viño é pan e medio.
  • O viño i o pan sempre se dan: us anos ben, outros mal e outros menos mal.
  • O viño polo coor i o pan polo sabor.
  • Onde hai pan non hai fame.
  • Onde hai pan sempre hai fartura.
  • Onde non hai fariña nin relón, todos falan sin razón.
  • Onde non hai pan non o comen os ratos.
  • Onde non hai pan vaise hastra o can.
  • Onde pan se come migallas quedan.
  • Onde se come pan frangullas quedarán.
  • Ós seis meses sentarei, daranme pan e comerei.
  • Pan adentado non se pon na mesa.
  • Pan albeiro, máis val na barriga que no seo.
  • Pan albeiro ou pan centeo, millor quero do meu que do alleo.
  • Pan alleo custa caro.
  • Pan alleo pouco engorda.
  • Pan balorento, alegra ó famento.
  • Pan ben sachado énchelle o cabazo ó amo.
  • Pan centeo, antes comido que no seo.
  • Pan centeo, millor no meu papo que no alleo.
  • Pan comido, compaña desfeita.
  • Pan con fartura, cansa logo se moito dura.
  • Pan con fartura; e viño, con mesura.
  • Pan con pan comida de parvos.
  • Pan da miña falchoca, como el non me falte todo me sobra.
  • Pan de hoxe, carne de onte e viño de antano, manteñen ó home sano.
  • Pan de millo nono deas ó teu fillo.
  • Pan de onte, carne de hoxe, e viño de antano, manteñen ó home sano.
  • Pan de onte, carne de hoxe, e viño de antano, salú pra todo o ano.
  • Pan de onte e viño de antano, salú pra todo o ano.
  • Pan de panadeira e viño de taberna, nin farta nin goberna.
  • Pan de trigo ou de centeo, quéroo máis no meu ventre que no alleo.
  • Pan de voda é carne que consola, a quen a coma.
  • Pan de voda, pra min sobra.
  • Pan de voda, quen o queira comer que o coma.
  • Pan e auga, sopas.
  • Pan e noces saben a amores.
  • Pan e viño andan camiño.
  • Pan e viño andan camiño, millor que mozo garrido.
  • Pan e viño, un ano teu, e outro do teu veciño.
  • Pan encetado non te torna.
  • Pan mal amasado non pide bocado.
  • Pan mol, moito na man e pouco no fol.
  • Pan mol vaise ó fol.
  • Pan, pan, moitos o comen e poucos o dan.
  • Pan por quilo e viño por medida, o que non rouba algo non leva boa vida.
  • Pan pra hoxe, fame pra mañán.
  • Pan pra maio e leña pra abril, e o millor cepón, pra marzo o compón.
  • Pan que sobre, carne que abonde, viño que non falte e alegría que abaste.
  • Pan quente e uvas, ás vellas quitan engurras.
  • Pan quente, fame mete.
  • Pan quente, moito na man e pouco no ventre.
  • Pan, viño e carne quitan a fame.
  • Pola festa de san Xoán andan os pobres a pedir pan.
  • Polo pan baila o can.
  • Polo san Xoán, auga fervida con pan.
  • Polo san Xoán bébese viño e cómese pan.
  • Polo san Xoán calquera burro gana o pan.
  • Por abril ponte de codín; e se o pan ves verdegar, ponte a cantar.
  • Por moito pan nunca é mal ano
  • ¿Por qué non te casas Xan? Porque vai moi caro o pan.
  • Por san Xoán a sardiña molla o pan.
  • Por san Xoán a sardiña pinga no pan.
  • Por san Xoán, tanto queixo coma pan.
  • Pra pan e cebola é mester cazola.
  • Pra pan non temos e can mantemos.
  • Pra moita fame non hai pan resésigo
  • Pra muiñeiro, forneiro e hortelán, non hai ano sin pan.
  • ¿Pra qué queres millor pan que o pantrigo?
  • Primeiro o pan, dispois o can.
  • Quen aforra o pan non quer ben ós fillos.
  • Quen ara no san Xoán, ou está tolo ou non ten pan.
  • Quen dá pan ó alleo can, perde o can e perde o pan.
  • Quen dá pan pon afán.
  • Quen di pan di fartura.
  • Quen dixo pan, dixo trigo.
  • Quen me dá o pan, dáme o afán.
  • Quen se mantén de pan, moi mal mantido non vai.
  • Quen xaxúa por san Xoán, ou é tolo ou non ten pan.
  • Quero saber de qué pan me hei manter.
  • Ratos arriba, que todo o branco é fariña.
  • San Xoán come pan e san Andresiño touciño.
  • San Xoán daime o pan e san Martiño o viño.
  • San Xoán e san Martiño foron merendar ó camiño. San Xoán levara o pan e san Martiño o viño.
  • San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e san Andrés a do porquiño.
  • San Xoán trae o fol cheo de pan e san Martiño bota de viño.
  • San Xoán, deixa vi-lo pan que el cho pagará.
  • San Xoán, san Xoán, deixa vi-lo pan que coel cho pagarán.
  • San Xoán, san Xoanás, o mes en que nace o rapaz.
  • San Xoán, san Xoanciño, dinche sempre que andes dereitiño.
  • Se as penas de Oirán se volveran pan, a Frouseira manteiga e o río de Ouro viño mouro, non había terra coma o Valadouro.
  • Se comes sardiña en san Xoán, mollaráchese o pan.
  • Se pan quente comes, non bebas auga da fonte.
  • Se queres coller pan, ara polo San Xoan.
  • Se queres gañar ó can, dálle pan.
  • Se te morde un alacrán, busca viño e busca pan, sacerdote e sancristán, quen mañán te enterrarán.
  • Se te morde un alacrán, garda viño e garda pan, que mañá te enterrarán.
  • Se te morde un alacrán, tres días comerás pan.
  • Se te morde un alacrán, xa non comerás máis pan
  • Se te pica un alacrán, tres días comerás pan.
  • Se te roi un alacrán, busca a cera e mais o pan, e se te roi a adelouciña, búscaos aínda máis axiña.
  • Se te roi un alacrán, busca viño e busca pan, e mais crego e sancristán, antes hoxe que mañán, pois logo te enterrarán.
  • Sembra trigo en San Martiño, cada día un pouquiniño.
  • Sementeira na semana de san Román nin palla nin gran; sementeira na de santa Baia, gran e mais palla. (San Román, 18 de novembro; Santa Baia, 10 de decembro)
  • Sen pan nin viño non se anda ben o camiño.
  • Tal terra andar, tal pan manxar.
  • Tanto pan coma queixo e tanto queixo coma pan, ben o como se mo dan.
  • Tanto o pan coma o queixo, e tanto o queixo coma o pan, cómoo se mo dan.
  • Tanto queixo como pan, non se debe dar.
  • Treboada no Miño, pan e millo.
  • Trigo centeoso, pan proveitoso.
  • Trigo que non has de colleitar, deixa de o visitar.
  • Un gran non fai graneiro, pero axuda ó compañeiro.
  • Vale máis gran de sobra na moega que muíño de espera.
  • Vale máis pan duro que consello de burro.
  • Vale máis pan duro que pedras moles.
  • Vale máis pouco pan duro, que fame de nove días.
  • Vale máis que sobre pan, que non que falte viño.
  • Viño de ricos e pan de pobres. (porque o viño pide moitos coidados, que non os pode da-lo pobre por falta de medios. O pan, pola contra, non necesita de tanta atención)
  • Viño, que salte; queixo, que chore; pan, que cante.
  • Xa sei o pan que pra sempre me ha fartar.
  • Xesta pro forno, que ben coce o pan, e mais o bolo.

[editar] Cantigueiro

  • A galiña pon o ovo/ pra o proveito da muller:/ o home vai pra o monte/ ¡come broa si a quer!.
  • Marzo, espigarzo;/abril, penduril;/ maio, granado;/ san Xoán, curado./ Na santa Mariña/ metelo na arquiña.

[editar] Locucións

  • A pan comer (albergar xenta na casa, a mesa posta)
  • A pan e auga (aplícase a castigos de xexún)
  • A pan e coitelo (v. a pan comer)
  • A pan e mantés (v. a pan comer)
  • A pan pedir (vivir da caridade pública, pedindo esmola)
  • A pan seco (comer pan só, sen outro compango nin viño)
  • ¡Así Dios nos dea pan e paz!
  • Axudar a gana-lo pan a alguén
  • ¡Benia ó pan que come! (dise de quen se ve forte e ben mantido, ou de quen posúe de abondo para vivir con desafogo)
  • Coller pan pro ano (dise do labrego que colleita o suficiente para o ano)
  • Come-lo pan coa codia (cando o meniño xa sabe valerse por si, e aplícase ós enfermos que empezan a recuperarse ou dos que teñen, ou dicer ter, certa experiencia)
  • Come-lo pan dos máis (dise de quen, por vello, parece que estivese comendo do que faría falta aos demais)
  • Comer a pan sabido (vivir a expensas de alguén).
  • Comerlle o pan a un (estar mantido por alguén, por veces: aproveitarse del)
  • Como pan bendito (que se vende con moita facilidade)
  • Con pan e con pau (a educación debe combina-los coidados e agasallos co castigo e a man dura).
  • Contigo pan e cebola.
  • Custarlle a alguén a bola un pan (cando algunha operación sae cara de máis ou cando un sae escaldado de calquera asunto)
  • Deixar a pan pedir ("Et por ende tomarõ os dioses uingança. que de moý rricos que ante erã agora som muý pobres et apan pedir" (E por isto tomaron os Deuses venganza, que de moi ricos que antes eran agora están moi pobres e por portas); da Crónica Troiana)
  • Engana-lo pan (comer calquera cousa acompañando o pan, aínda que non sexa de moito aprezo)
  • Estar a pan e coitelo (vivir xuntos, levarse ben dúas persoas)
  • Facer un pan coma unas noces (facer un estropicio, estragar algo no que se estaba traballando)
  • Facer un pan coma unhas hostias.
  • Falta-lo pan a un (carecer do máis indispensable para o sustento)
  • Gana-lo pan que come (dise de quen achega o seu traballo para xustifica-la comida que se lle dá)
  • Levarse coma o pan e o leite.
  • ¡Non che vai o pan polas pallas! (dise a quen non de apura por nada)
  • Non cocerlle o pan no corpo a un (estar inquieto, desconfiado)
  • Non comer pan (aplícase ó que, sen ter agora ningún valor, cómpre gardar por se nalgún momento poden ser útiles)
  • Non haber pan por onde pasa (dise de quen está tan fraco e famento que parece que non houbese nin pan na súa casa)
  • O pan de cada día (o alimento de tódolos días; aplícase tamén a outras realidades que se repiten tódolos días).
  • Ó pan, pan (dici-as cousas claramente, sen rodeos nin eufemismos)
  • Poñer a alguén a pan pedir (insultar a alguén, deixalo humillado)
  • Quedarse alguén a pan pedir (quedar na ruína).
  • Repartir unha cousa como pan bendito (distribuíla en porciones moi pequenas, que non chegan a nada)
  • ¿Seica me queres come-la broa?
  • Ser algo pan comido (dise do que parece estar xa conseguido).
  • Ser como o ano que non hai pan (dise dos cicateros, rácanos, avaros)
  • Ser máis bo có pan
  • Ser máis longo que un día sen pan (referido tanto a persoas ou obxectos físicos como a situacións que non parecen acabar nunca)
  • Ser pan e mel unha cousa (ser moi boa e agradable)
  • Ter pan e capelo (dese da moza que é rica e ten posibles)
  • Ter pan pro ano (te-lo sufiencite para pasa-lo ano, aínda que sexa modestamente)
  • Vir o pan ó suco (comenzar a madura-las espigas dos cereais. Por extensión, irse acomodando as circunstancias ós nosos desexos)
  • Xa non come o pan de trigo (dise de quen está a morrer)

[editar] O pan, fonte de léxico

  • Denomina un cogomelo (peido de lobo):
    • pan de cobra, pan de cóbrega, pan de curuxa, pan de lobo, pan de raposo, pan de sapo, pan do cego, pan do sapo.
  • Denomina un cogomelo venenoso (Amanita phalloides):
    • pan da morte, pan da zorra, pan do demo
  • Denomina diversas plantas:
    • pan de can, pan do cuco: acederilla, Oxalis acetosella L.
    • pan de cuco, pan do cuco: Vicia spp
    • pan de lagarto, pan de paxaro, especie de sempreviva.
    • pan de lagartos, pan de paxaro: uña de gato, unha planta de zonas costeiras. Sedum album L.
  • Denomina o cornizó do centeo:
    • pan de corvo
  • Denomina unha esponxa mariña:
    • pan de gaivota, pan de lagosta, pan de mouro, pan de sapo, pan mouro
  • Denomina a cuncha da xiba:
    • pan de gaivota, pan senso
  • Denomina a holoturia ou pepino de mar (un equinodermo mariño):
    • pan do demo
  • Outras realidades:
    • pan de pega, pan pego: posta de ovos da Mantis religiosa.
    • pan de amigo: soporte que sostén as "bancadas" nun barco.

Static Wikipedia (no images)

aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -

Static Wikipedia 2007 (no images)

aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -

Static Wikipedia 2006 (no images)

aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu

Static Wikipedia February 2008 (no images)

aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu