Prisciliano
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Prisciliano (?, c. 340 - Tréveris, 386) foi un hispano, concretamente galaico-romano, ainda que non se coñece exactamente o seu lugar de nacemento. Próspero de Aquitania preséntao como tal, pero a Gallaecia de Diocleciano é maior que a Galicia actual, chega ata o actual Euskadi, pero é indudabel que foi no actual territorio galego onde mais persistiron as súas ideas e adeptos trala súa morte.
Naceu no seo dunha familia de terratenentes e culta, pertencente á mais alta aristocracia da Gallaecia romana (incluso algún sinalan que senatorial), coma moitos dos seus descípulos (Felicísimo, Armenio, Latroniano, Eucroacia, Asarbo e Aurelio). Formouse en Burdeos, e un dos seus mestres foi Delphidius.
Era ascético e vexetariano. Despois duns anos de vida mundana comeza unha conversión á vida ascética e comeza a predicar un cristianismo que negaba a existencia do misterio da Trindade e priorizaba o estudo dos textos sagrados, coñecido como priscilianismo, claramente emparentado co gnosticismo.
Defende a igualdade entre homes e mulleres respecto á participación activa nos templos. Predica a abstinencia de alcol e carne. Non prohibe o matrimonio de monxes e clérigos, aínda que recomenda o celibato. Condena a escravitude. Utiliza o baile como parte da liturxia.
Nomeado bispo de Ávila no ano 380, o concilio de Zaragoza dese ano condenara por herexía algunha das súas prácticas. Redactou tratados para defender as súas doutrinas e viaxou a Roma para entrevistarse co Papa, pero non o consegue. No 385 o emperador chamouno a Tréveris para se denfender das acusacións dos seus adversarios. No 386 foi desterrado e xulgado en Tréveris, e mediante decreto do emperador Magno Clemente Máximo foi condenado a morte por bruxería e herexía e decapitado e guindado da Porta Nigra (tradición), xunto con catro dos seus discípulos. Foi o primeiro axustizado por herexía do cristianismo. Curiosamente o propio emperador Máximo foi executado tres anos despois por orde de Teodosio I.
As súas ensinanzas contaron con numerosos seguidores, foi acollida polo pobo en todo o noroeste peninsular durante a súa vida e con posterioridade, chegando a súa influencia ata o século VI. Tempo despois da súa morte realizaronse varios concilios co tema principal de erradicar a súa doutrina, fortemente enraizada no pobo, como ocorreu no Concilio de Toledo do ano 400 (onde os bispos de Astorga e Braga lle prestan apoio militante), ou os Concilios I e II, do 561 e 572, de Braga (onde se conteñen anatemas contra proposicións priscilianistas). A mediados do século V a presión dos priscilianistas obriga ao exilio ao bispo de Celenes (Caldas de Reis).
Incluso un século despois da súa morte Hidacio atacará a súa doutrina con rabioso sentir, ou anteriormente Orosio verase na obriga de defender o seu posicionamento antipriscilianista. Incluso o IV Concilio de Toledo (683) condena como lacra prisciliana o delirante pecado de non cortar o pelo da cleirecia galega.
Propugnaba a igualdade entre home e muller, así como o uso dalgúns evanxeos apócrifos como o de San Tomás, así como a eliminación da xerarquía eclesiástica. Foi acusado de animista.
Autor duns Tratados publicados pola primeira vez en 1889, xa que foron atopados pouco antes na Universidade de Bestford
Por Sulpicio Severo sabemos que o seu corpo, xunto cos dos seus discípulos, volve a Hispania, e en 1900 un eminente haxiográfo francés, Mons. Louis Duchesne, fai a hipótese ou insinuación (pouco científica) de que foi el o enterrado no sepulcro do apóstolo Santiago, recollida a partir de entón por numerosos autores. Isto ten pouca credibilidade xa que, segundo Isidoro Millán González-Pardo, o sepulcro central do Apóstolo e o mosaico de mármore que o cobre pertencen á segunda metade do século II
A Xeración Nós recuperará a súa figura resaltándoa na historia de Galicia como figura fundamental.