Teodebaldo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Teodebaldo I (cara a 535-555) (en francés Thibaud e en alemán Theudebald ou Theudowald) foi un rei merovinxio de Austrasia entre 548 e 555.
Teodebaldo era fillo do rei Teodeberto I de Austrasia e da galo-romana Deuteria. Naceu cara ao ano 535. Á morte do seu pai en 548 accedeu ao trono de Austrasia. Entón contaba só con trece anos e era menor de idade. Desde a súa infancia fora débil e enfermizo; pero a lealdade que lle profesaban os nobres do reino pola memoria do seu pai facilitaron un traspaso pacífico de poder.
Teodebaldo estivo casado coa princesa Waldrada, unha filla do rei longobardo Wacho e irmá da segunda esposa do seu pai. Este matrimonio permitiu estreitar os lazos cos seus aliados longobardos.
Con todo Teodebaldo non soubo conservar as conquistas territoriais do seu pai no norte de Italia. O emperador bizantino Xustiniano I soubo minar a alianza franco-longobarda e en 552 lanzou un exército, comandado polo xeneral Narsés á conquista da península. Teodebaldo, do mesmo xeito que fixera o seu pai, evitou o enfrontamento directo cos bizantinos.
Tras unha longa enfermidade e prostración, morre en 555 sen ter descendencia.
O reino de Austrasia pasou así a mans do seu tío-avó Clotario I que logrou así reunificar o antigo Reino Franco, dividido por Clodoveo I.