Alexander Alekhine
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Alexander Alexandrovich Alekhine (ruso, Александр Александрович Але́хин), (Moscova 1892 - Estoril 1946) xadrecista ruso, nacionalizado francés, un dos máis grandes campións mundiais, coñecido polo seu estilo agresivo.
Alekhine naceu no seu dunha familia rica de Moscova; o seu pai era terratenente e membro da Duma e a súa nai era filla dun rico industrial. En 1909 obtivo a súa primeira vitoria, ao gañar o Torneo Amateur de Rusia en San Petersburgo cunha puntuación de doce vitorias, dúas derrotas e dous empates. Grazas a este torneo obtivo o título de mestre nacional. En 1914 Alekhine foi, xunto a José Raúl Capablanca, un dos primeiros en obter o título de Gran Mestre.
Despois da Revolución Rusa, en 1919, foi acusado de espionaxe e encarcerado en Odessa. Ao ser liberado marchou a Francia (1921) e en 1925 obtivo a cidadanía e entrou na facultade de leis da Sorbona. A pesar de non rematar a tese, foi coñecido como Doutor Alekhine o resto da súa vida.
En 1927 venceu a Capablanca en Bos Aires e converteuse en campión do mundo ata 1935, en que perdeu fronte a Max Ewe, derrota atribuída ao abuso do alcohol. En 1937 recuperou o seu título. Durante a Segunda Guerra Mundial xogou torneos en Alemaña ou territorios ocupados por ela. En 1941 apareceron artigos antisemitas co seu nome no Pariser Zeitung, e aínda que non se demostrou a súa veracidade, foi acusado de colaborar co inimigo.
Morreu mentres estudaba xogadas para o seu enfrontamento con Mikhail Botvinnikno nun hotel de Estoril.
Alekhine foi un ávido estudante do xogo. Algunhas aperturas e variacións levan o seu nome, sendo a máis coñecida a chamada defensa Alekhine.
[editar] Ligazóns externas
- Campeonato del Mundo de Ajedrez 1937 Max Euwe - Alexander Alekhine
- Campeonato del Mundo de Ajedrez 1935 Alexander Alekhine - Max Euwe
- Campeonato del Mundo de Ajedrez 1934 Alexander Alekhine - Efim Bogoljubow
- Campeonato del Mundo de Ajedrez 1929 Alexander Alekhine - Efim Bogoljubow
- Campeonato del Mundo de Ajedrez 1927 José Raúl Capablanca - Alexander Alekhine