Canción
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Orixinariamente a palabra canción designa calquera texto cantable. Segundo Angelo Marchese e Joaquín Forradellas, a presencia da lírica provenzal e a súa relación coas formas métricas peninsulares foron facendo que, durante o século XV, o termo canción (cançó) fose desprazando ó de cantiga; pero, ó mesmo tempo, aplicándose a módulos e contidos moi diversos, incluso dispares. No século XVI, século en que estaría presente a canción popular e algún floco de lírica trobadoresca, aparecerá da man de Boscán e Garcilaso na península a canción italiana (Dante, Petrarca), descendente da cançó provenzal, e que será denominada canción culta ou petrarquista e que suporá a total desaparición na Península das decadentes escolas líricas galego-castelá e castelá-portuguesa. Esta canción componse dun número indeterminado de estrofas (en Petrarca entre cinco e dez) escritas en versos hendecasílabos, xeralmente combinados con heptasílabos. O esquema fixado na primeira estrofa ha de seguirse obrigatoriamente en tódalas demais. A estrofa -chamada estanza- está repartida en dous bloques ben diferenciados, a ‘fronte’ e a ‘sírima’, unidos entre si por un verso de transición (‘chiave’) que ten a mesma rima có último verso da fronte. A ‘fronte’ divídese en dúas partes iguais ou ‘pés’; a ‘sírima’ pode ser unitaria ou dividirse en dúas partes denominadas’voltas’. A canción pode cerrarse cunha estrofa breve -máis curta cás estancias- chamada ‘commiato’ ou ‘envío’