Castelo da Frouxeira
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Índice |
[editar] Situación
O castelo da Frouxeira está situado na parroquia de Santa Cilla do Valadouro (concello de Foz), no pico da Frouxeira, a case cincocentos metros sobre o nivel do mar . Actualmente só se conservan algunhas ruínas do mesmo, e non debemos confundir esta fortaleza da Frouxeira co alfocés castelo de Castrodouro. Ambos son lugares declarados como BIC (Bens de Interese cultural).
[editar] Historia
A fortaleza da Frouxeira pertenceu á mitra mindoniense e probablemente foi un dos bens que Pardo de Cela recibeu como dote de voda ao casar con Isabel de Castro, sobriña do bispo D. Enrique de Castro, e que era filla do conde de Lemos. Na Frouxeira, desde principios do 1481 ata case a súa morte, decembro do 1483, Pero Pardo defendeuse bravamente contra as tropas dos Reis Católicos, capitaneadas por Luis de Mudarra e comandadas por Fernando de Acuña, quen dixo ao ano e medio de estar en Galiza que “harto tenía que hacer porque tenía cercado a Pedro Pardo en Peña Frouseira”. Sábese ademais, por testemuño de Luis de Mudarra, que morreu moita xente no cerco. A verdade é que A Frouxeira pola súa situación xeográfica é practicamente inexpugnable, de aí que as tropas castelás non foran capaces de conquistala e derrotar a Pardo de Cela, polo que os dirixentes urdiron a trama da traición e, unha vez traicionada, non deixan pedra sobre pedra, soamente quedan aqueles restos que nin o tempo nunca será capaz de borrar. Por un romance soubemos o nome do traidor que non foi outro que Roi Cofano do Valedouro
“Destes fora Capitán
o Cofano do Valedouro
Que ainda anque fora un mouro
Non me deran mais afán”.
Estes dous feitos, a defensa e a traizón, aniñaron e mancaron no corazón do pobo e deron pé a que poetas, bardos e rapsodas os foran cantando e recitando por feiras e mercados. Sábese tamén que nada máis ser degolado o Mariscal, escribiuse un “cantar” ou chamado tamén “pranto” da Frouxeira, no que xa se mitifica a punta roqueira debido a esa loita rexa que fixeron nela O Mariscal e os seus criados
“A min chaman toda Mira
Señora do gran tesouro,
Por estrela esclarecida,
xago neste Valedouro”,
Onde a Frouxeira pasa a ser “admirada, estrela clara e señora do gran tesouro” por todos. E acto seguido, o cantar recolle a traizón
“De min a triste Frouseyra
Que por treyçon foy vendida
Derribada na ribeyra
Ca jamais se veo vencida”,
Isto é, xa entón se deron conta os poetas que a pesar de ser destruida e derribada “jamais se veo vencida”; a Frouxeira dende entón pasou a ser un símbolo.