Chano Piñeiro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ata os anos 1990 en que empeza a despuntar o cine en galego, Chano Piñeiro foi considerado unanimemente o director galego por excelencia. Encarnou coma ninguén a ansia por facer cine en Galicia e en lingua galega.
Luciano Manuel Piñeiro Martínez naceu o 12 de outubro de 1954 nun hospital de Santiago de Compostela. A súa familia residía na vila de Forcarei (Pontevedra). O seu pai, Manuel Piñeiro, era o boticario local. En 1971 ingresa na Universidade de Santiago de Compostela onde estudia Farmacia, probablemente máis por continuar o oficio familiar que por verdadeira vocación. Nese ano crucial na súa vida diagnostícanlle o mal de Crohn, unha afección intestinal crónica, que o obrigaría a pasar reiteradas veces polos quirófanos. Tamén en 1971 coñece á que sería a súa dona, Mariluz Montes, tamén estudiante de Farmacia e coa que casa en 1974. Será Mariluz Montes quen lle regale a Chano Piñeiro a súa primeira cámara de Super 8.
A carreira cinematográfica de Chano Piñeiro iníciase en 1977 coa curtametraxe Os paxaros morren no aire, supostamente inspirada no Sempre en Galiza de Castelao. A curtametraxe, que parece ser non gustou nos ambientes composteláns, acadou, non obstante, varios premios en festivais. Os paxaros morren no aire é unha clara mostra do ideario cinematográfico de Chano Piñeiro: ó volunturismo e amateurismo (falta de financiamento, deficiencias narrativas, eivas técnicas) opón unha fe resolta no cine e, concretamente, no cine en galego. O argumento conta a historia dunha moza que intenta construír unha ponte para dar acceso a unha vila. Para facelo ponse a camiñar e atópase con Castelao e con Basilio Álvarez. A rodaxe contou con nomes tan excelsos do cine galego posterior coma Xosé Manuel Olveira "Pico", Antón Casal, Pili Lorenzo, Xosé Ramón Rodríguez e Alfonso Armada. As localizacións pertencen a Rubillón (a terra de Mariluz), Ponte Caldelas, Cabrais, Santa Uxía de Ribeira e a praia de Arealonga.
En 1979 Chano e Mariluz abren unha botica na rúa Torrecedeira en Vigo, cidade onde Chano Piñeiro se afincaría para o resto da súa vida e na que moitos o consideran fillo adoptivo. Ese ano filma en Super 8 Eu, o Tolo, considerada por moitos a primeira longametraxe de ficción en galego (outros sosteñen que é Malapata de Carlos López Piñeiro). En calquera caso, trátase dunha iniciativa individual e bastante amateur como demostra o feito (por outro lado, claramente demostrativo do xeito en que Chano Piñeiro entendía o cine) de que Chano Piñeiro e máis Pablo Barreiro, o técnico de son e músico do filme, tivesen que recorrer persoalmente toda Galicia para exhibir, proxector e pantalla en man, a longametraxe. A estrea oficial só tería lugar o 12 de marzo de 1982 en Vigo grazas ó entusiasta apoio da Corporación Municipal. Eu, o Tolo é un relato surrealista e metafísico en torno a un extravagante personaxe, "Eu". "Eu" casa coa súa bicicleta. Acusado do asasinato do vehículo, fuxe da cadea e chega a ser presidente do goberno.
O gran salto na filmografía de Chano Piñeiro prodúcese en 1984 cando funda a produtora cinematográfica Piñeiro S.A. (despois Bubela S.L.), cuxa primeira realización sería a louvada curtametraxe en 35 mm, Mamasunción. O filme estréase o 28 de decembro de 1984 en Vigo e consegue atraer a atención de diversos festivais internacionais. Tal foi o éxito desta curtametraxe que o 25 de xullo de 1985 a TVG abre a súa primeira emisión con Mamasunción. Sen dúbida trátase do filme máis logrado na carreira de Chano Piñeiro que xa non volvería a acadar tan altos cumios no futuro.
Dende logo, o seu seguinte filme, Esperanza non estaría á altura das expectativas que creara Mamasunción. Estreada en 1986, Esperanza desenvolvía, nun estilo panfletario, o tema do alcoholismo. Torpe e mal dirixida, Esperanza mostraba as deficiencias dun cineasta totalmente autodidacta e fóra dos circuítos comerciais.
En 1988, Chano Piñeiro inicia a rodaxe de Sempre Xonxa, a primeira longametraxe galega en 35 mm. Era un proxecto demasiado ambicioso para as posibilidades de Chano Piñeiro. A rodaxe alongouse durante máis dun ano e medio por mor das eivas financeiras e das complexidades da produción. Esta rodaxe esgotaría o patrimonio de Chano Piñeiro e derramaría a súa fráxil saúde. Con todo, conseguería estreala en 1989 (ano mítico para o cine galego no que coincidiría a estrea de Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Urxa de Carlos López Piñeiro e Continental de Xavier Villaverde). A película obtén certo recoñecemento internacional e queda na conciencia colectiva dos galegos coma un fito na historia da cultura galega.
En 1993 recibe o encargo institucional de rodar O Camiño das Estrelas mediometraxe destinado a promocionar o Xacobeo 93, suceso turístico-promocional que a Xunta de Galicia, presidida por Manuel Fraga, acaba de inventar. Chano Piñeiro deseña unha película a medio camiño entre a realidade e a ficción. A estrea ten lugar o 25 de xullo dese ano no Monte do Gozo. Sería a súa última película, e malia contar con medios técnicos nunca visto ata entón no cine galego, representa claramente o punto máis baixo na filmografía de Chano Piñeiro. O argumento xira ó redor da historia de amor entre un lobishome e unha serea, o cal serve de excusa ou de contrapunto para ir presentando as terras do Camiño de Santiago. Pero o argumento acaba sendo do máis manido e o resultado global moito controvertido.
Lamentablemente, non lle daría tempo a rodar máis películas. O 21 de marzo de 1995 morre o pai do cine galego. Contaba só 40 anos. A súa morte conmociona ós cidadáns de Vigo, onde chegara a ser todo un persoeiro. O Concello de Vigo, que tantas veces apoiará os seus filmes, dedícalle unha rúa.
[editar] Filmografía de Chano Piñeiro
- Os paxaros morren no aire, 1977, 34 min., Super 8
- Eu, o Tolo, 1978, 110 min., Super 8
- Esperanza, 30 min., 35 mm
- Mamasunción, 1984, 21 min., 35 mm
- Sempre Xonxa, 1989, 114 min., 35 mm
- O Camiño das Estrelas, 1993, 34 min., 35 mm