Dámaso Alonso
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Dámaso Alonso Fernández de las Redondas (Madrid, 1898 - 1990) Escritor, crítico literario e filólogo español. Membro da xeración do 27 e Premio Miguel de Cervantes 1978.
Dámaso Alonso estudou dereito, filosofía e literatura antes de entrar no Centro de Estudios Históricos dirixido por Ramón Menéndez Pidal, tomou parte nas actividades da Residencia de Estudiantes, onde coñeceu a Federico García Lorca, Luis Buñuel, José Bello e Salvador Dalí; Alonso escribiu nas revistas literarias La Revista de Occidente e Los Catro Vientos, deu clases de español en numerosas universidades estranxeiras e dende 1933 foi catedrático na Universidade de Valencia ata que en 1939 pasou á Universidade de Madrid, onde comparte exilio interior co seu amigo Vicente Aleixandre. Membro da Real Academia Española dende 1945, foi o seu director entre 1968 e 1982.
[editar] Obra
Os seus primeiros poemarios considéranse obra de xuventude, con escaso mérito literario (Poemas puros e Poemillas de la ciudad en 1921 e El viento y el verso en 1925).
Hijos de la ira (1944) contribuíu a abrir novos camiños á poesía española da posguerra. Dámaso expresa unha visión desgarrada e sombría da condición humana, para o que utiliza longos versículos e unha linguaxe violenta e mesmo vulgar
Como estudoso da literatura, Alonso revolucionou o estudo da poesía barroca española, particularmente o traballo de Luis de Góngora, do que fixo unha edición crítica das súas Soledades da que a súa data de publicación, 1927, dá nome á xeración do 27.
Relación de obras:
- Poemas puros
- Poemillas de la ciudad
- El viento y el verso
- Hijos de la ira
- Hombre y Dios
- Gozos de la vista
- Duda y amor sobre el Ser Supremo
[editar] Dámaso Alonso e o galego
Dámaso Alonso investigou o galego que se fala nos Ancares e nos Ozcos, e foi o primeiro filólogo en clasificar á fala de entre Eo e Navia como galega, aínda que a denominou co termo de galego-asturiano.
Entre os seus traballos sobre o galego destacan Junio y Julio entre Galicia y Asturias (1945), El saúco entre Galicia y Asturias (1946), Enxebre (1947), Gallego-asturiano 'engalar', 'volar'. Casos y resultados de velarización de n en el dominio gallego (1954), El gallego-leonés de los Ancares y su interés para la dialectología portuguesa (1959), Narraciones orales gallego-asturianas (1969)
Mantivo unha certa relación con Ribadeo.