DRIL
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) foi unha organización armada formada en 1959 por exiliados españois, sobre todo galegos, e portugueses para loitar contra as ditaduras salazarista e franquista.
O DRIL tiña dous secretarios xerais: Humberto Delgado e Xosé Velo e entre os seus membros destacaron Henrique Galvão e José Fernández Vázquez (Xosé de Soutomaior).
As primeiras accións armadas realizounas en febreiro de 1960 contra a casa do concello de Madrid e os locais da FET de las JONS, tamén en Madrid, acción na que morre o membro do DRIL José Ramón Pérez Jurado. En xuño de 1960 o DRIL atentou contra as estacións do tren de Barcelona e Bilbao e contra o aeroporto de Madrid.
A acción máis coñecida do DRIL foi o secuestro do buque portugués Santa María entre o 22 de xaneiro e o 4 de febreiro de 1961. 24 membros do DRIL secruestaron o navío con 586 pasaxeiros para denunciar a situación que se vivía en Portugal e España. Tras conversas co goberno brasileiro, os membros do DRIL depuxeron as armas e conduciron o navío cara Recife a cambio de recibir o status de refuxiados políticos.
Tras o secuestro o DRIL entrou en crise interna, entre outras cousas, polas liortas internas sobre quen liderara a operación, malia iso o DRIL continou realizando accións esporádicas ata 1964.