Festival de Cans
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Festival de Cans é un festival de curtametraxes que se celebra desde 2004 na aldea de Cans, Porriño, en paralelo ao Festival de Cannes, no mes de maio. O festival naceu pola semellanza entre os dous nomes (se ben, en francés non se pronuncia o -s final de Cannes).
Proxéctanse fundamentalmente curtametraxes galegas e pretende retirarlle todo o cerimonioso que teñen estes certames: as proxeccións non son en cines senón en alpendres, adegas e baixos de casas; en vez de limusinas o "vehículo oficial" son os chimpíns, etc., nun concepto que os seus organizadores denominan "agroglamour",
Está organizado pola Asociación Cultural Arela baixo a coordenación do guionista Alfonso Pato e ten dúas seccións principais, unha de ficción e outra de animación.
Polo Festival de Cans teñen pasado, na presentación ou premiados, Teté Delgado, Antonio Durán “Morris”, Julián Hernández, Suso Iglesias ou Luis Tosar.