Geraldine McCaughrean
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Geraldine McCaughrean (pronunciado "Mc-cork-ran"), nacida o 6 de xuño de 1951 no norte de Londres, é unha novelista británica, que ten destacado principalmente na escritura de libros para públicos novos.
Licenciada en Educación, traballou durante dez anos na publicación dunha revista antes de converterse en escritora profesional. Na actualidade vive en Berkshire co seu home e a súa filla.
Escribiu máis de 130 libros, 50 obriñas de teatro para escolas e tamén un guión de radio. Tamén ten escrito seis novelas históricas dirixidas a público adulto, como Fires’ Astonishment (1990) e The Ideal Wife (1997). Entre as súas principais novelas para rapaces de todas as idades e en todos os formatos, atópanse A Little Lower than the Angels (1987), Gold Dust (1993) e Not the End of the World (2004).
Ademais ten reescrito varias historias tradicionais, contos de fadas e episodios bíblicos. Entre elas débense mencionar as súas versións dos Contos de Canterbury (1984), da Odisea (1993), de Moby Dick (1996) ou do Cid (1989).
A súa obra foi traducida a 35 idiomas, entre eles o galego.
En 2005, escolleuna o Hospital Great Ormond Street, o propietario dos dereitos do personaxe de Peter Pan para escribir a segunda parte oficial da novela de J.M. Barrie, que se chamou orixinalmente Peter Pan in Scarlet. A súa tradución galega, publicada simultaneamente en todo o mundo, foi traducida por Silvia Carril co título de Peter Pan e a levita escarlata.
Ademais gañou numerosos premios, entre os que destacan:
- A Medalla Carnegie en 1988 e o premio do Guardian en 1989 por A Pack of Lies
- O premio Whitbread de literatura infantil en 1987 por A Little Lower Than the Angels
- O premio Whitbread de literatura infantil en 1994 por Gold Dust
- O premio Whitbread de literatura infantil en 2004 por Not the End of the World.
De feito, foi a única persoa que gañou o Withbread de literatura infantil en tres ocasións.