Grandes Voltas
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
As Grandes Voltas, en ciclismo, é o nome que reciben as tres carreiras por etapas máis importantes: Tour de Francia, Giro de Italia e Vuelta a España.
Índice |
[editar] Características comúns
[editar] Duración e organización
As tres Grandes Voltas teñen en común a súa duración. Todas elas comezan un sábado e rematan un domingo; e teñen polo xeral 21 tiradas (tendo en conta a existencia de dous días de descanso, no Tour e na Volta os dous últimos luns).
É común que as Grandes Voltas comecen cunha contrarreloxo prólogo, aínda que isto non se fai tódolos anos; adoita haber dúas contrarreloxos chás (que no Tour teñen lugar sempre en sábado) e, ás veces, algunha contrarreloxo de montaña (cronoescalada). A última etapa é case sempre chá, e remata nas cidades de Milán, París ou Madrid.
As etapas de montaña son, xunto coas contrarreloxos, as máis importantes para os ciclistas que aspiran a gañar as Grandes Voltas. No Giro, sitúanse nos Alpes e nos Apeninos; no Tour, nos Alpes e Pireneos; na Vuelta, na Cordilleira Cantábrica, os Pireneos e Serra Nevada.
[editar] Desenvolvemento das tiradas
As tiradas das Grandes Voltas aseméllanse ás habituais no ciclismo en estrada, pero teñen certas peculiaridades derivadas da súa lonxitude.
Poden distinguirse catro tipos de tiradas:
[editar] Tiradas chás
Son aquelas que case non teñen dificultades montañosas. Adoitan situarse ó principio das Grandes Voltas, aínda que, como xa se dixo antes, a última o é tamén.
Nestas tiradas, o máis habitual é que un ou varios ciclistas se separen do pelotón ó principio para intentar unha vitoria en solitario. Porén, é frecuente que o pelotón avance e reabsorba estes ciclistas escapados, producíndose así ó final un desenlace ó sprint.
[editar] Tiradas de alta montaña
Son aquelas nas que hai grandes dificultades montañosas (portos de montaña de primeira categoría ou categoría especial). En moitas destas tiradas, o final lévase a cabo no cume dunha montaña (final en alto); noutras, ten lugar despois de subilas e baixalas.
Nestas tiradas adoita producirse unha escapada semellante ás das etapas chás ó principio. Nestes casos, é moito máis habitual que os ciclistas escapados disputen entre eles a vitoria da tirada; porén, ás veces, son reabsorbidos polo pelotón.
Estas tiradas, en especial as de final en alto, son moi importantes para a clasificación xeral das carreiras (é dicir, para decidir o gañador da Volta Grande). Tamén, evidentemente, son fundamentais na clasificación da montaña.
[editar] Tiradas de media montaña
Son as tiradas nas que hai unha serie de dificultades montañosas, polo xeral portos de entre primeira e terceira categoría, que adoitan ter un final chan.
Nestas tiradas máis que en ningunha outra, as escapadas adoitan chegar á meta con bastante vantaxe respecto do pelotón.
Un exemplo sería o Macizo Central do Tour de Francia.
[editar] Contrarreloxos
Son aquelas nas que os ciclistas non corren xuntos, senón que cada un o fai por separado. Ó final, compútanse os tempos que lle levou a cada un facer o percorrido. Polo xeral, estas contrarreloxos teñen unha lonxitude próxima ós 30-50 quilómetros.
Nestas tiradas, ademais das de montaña, é onde se decide a clasificación xeral da carreira. Polo xeral, os gañadores das contrarreloxos son os homes máis fortes da carreira e os que ocupan os primeiros postos.
Existen contrarreloxos especiais:
- Prólogos. Son as contrarreloxos curtas, duns 10 quilómetros, que se disputan o primeiro día de cada Volta Grande. Serven para fixar a clasificación xeral de cara á primeira semana de carreira. Moitos anos non se celebran.
- Cronoescaladas. Son aquelas contrarreloxos nas que, no canto de percorrerse un tramo chan, se sobe unha montaña, polo xeral unha de primeira categoría ou categoría especial. Non son moi frecuentes porque adoitan supor grandes cambios na clasificación da carreira.
[editar] As clasificacións e as camisolas
Nas Grandes Voltas, hai varias clasificacións:
- A clasificación xeral. Consiste na suma dos tempos que os ciclistas tardaron en levar a cabo o percorrido das tiradas. O gañador desta clasificación é, polo tanto, o gañador da Volta. O líder da clasificación xeral recibe unha camisola especial: maglia rosa no Giro, maillot jaune (amarelo) no Tour; jersey oro na Vuelta.
- A clasificación dos puntos. En tódalas tiradas, agás nas contrarreloxos, hai sprints intermedios. Estes consisten en pequenas metas situadas a metade de carreira (polo xeral hai dous por tirada) nas que se proporcionan puntos ós primeiros que as cruzan. Ademais, tamén se engaden puntos ós primeiros que chegan á liña de meta. O corredor que acumula maior cantidade destes puntos recibe unha camisola especial: maglia ciclamino (malva) no Giro; maillot vert no Tour; jersey de puntos na Vuelta.
- Nas Grandes Voltas tamén se lles proporcionan puntos ós corredores que pasan en primeiro lugar os cumes das montañas. O ciclista que é lider na clasificación da montaña recibe unha camisola concreta: maglia verde no Giro; maillot à pois rouges (de puntos vermellos) no Tour; jersey malva na Vuelta.
- No Tour de Francia hai unha camisola especial para o novo (de menos de vintecinco anos) mellor situado na clasificación xeral: maillot blanc (branco).
- Na Vuelta a España hai tamén un jersey azul para a clasificación combinada.
- No Giro hai unha maglia azzurra para o ciclista con máis puntos na clasificación dos sprints intermedios (é dicir, igual que a clasificación por puntos pero excluíndo os das metas).
[editar] Características particulares
As tres Grandes Voltas teñen bastantes diferenzas entre elas. Polo xeral, considérase que:
- O Tour de Francia é a carreira máis prestixiosa e, polo tanto, a máis difícil de gañar. A súa media de velocidade é sempre a máis alta, e a lonxitude das súas tiradas é moi superior á das do Giro ou a Volta.
- O Giro de Italia é especialmente coñecido pola dificultade das súas etapas de montaña. Crese, polo xeral, que é una Volta máis destinada ós escaladores (ciclistas que soben ben nas montañas) que as outras dúas.
- A Vuelta a España é unha carreira tamén moi centrada nas montañas, aínda que non tanto coma o Giro; a súa dificultade é moito menor ca do Tour.
Ademais, as tres carreiras distínguense en moitas das normas (por exemplo, o Tour outorga bonificacións toda a carreira e a Vuelta a primeira semana).
[editar] Marcas de corredores
Ningún corredor, polo momento, gañou as tres Grandes Voltas no mesmo ano. Só catro o fixeron en toda a súa carreira:
- Jacques Anquetil (Francia); 5 Tours (1957, 1961, 1962, 1963, 1964), 2 Giros (1960, 1964), 1 Vuelta (1963).
- Felice Gimondi (Italia); 1 Tour (1965), 3 Giros (1967, 1969, 1976), 1 Vuelta (1968)
- Eddy Merckx (Bélxica); 5 Tours (1969, 1970, 1971, 1972, 1974), 5 Giros (1968, 1970, 1972, 1973, 1974), 1 Vuelta (1973)
- Bernard Hinault (Francia); 5 Tours (1978, 1979, 1981, 1982, 1985), 3 Giros (1980, 1982, 1985), 2 Vueltas (1978, 1983)
Pola súa parte, Lance Armstrong foi o único ciclista que gañou sete veces unha mesma Volta Grande (o Tour de Francia).