Heinrich Barth
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Heinrich Barth (Hamburgo 1821 - Berlín 1865) foi un explorador e lingüista alemán.
Estudou na Universidade de Berlín, logo de se graduar en 1844 viaxou por Italia e o Reino das Dúas Sicilias. Interesado en viaxar polo Mediterráneo estudou árabe en Londres.
En 1845 estaba en Tánxer e dende alí partiu para coñecer o norte de África, proseguiu por Exipto, ascendeu o Nilo ata Wadi Halfa e cruzou o deserto ata Berenice. Cruzou a península do Sinaí e atravesou Palestina, Siria, Turquía e Grecia, ao tempo que examinaba os restos arquelóxicos. En 1847 voltou a Berlin e exerceu como profesor asociado á universidade e escribía Wanderungen durch die Küstenländer des Mittelmeeres (Viaxes polos países costeiros do Mediterráneo), que publicou en 1849.
A instancias de Robert Wilhelm Bunsen e outros científicos, Barth uniuse con Adolf Overweg, astrónomo, á expedición organizada polo goberno británico e dirixida por James Richardson para abrir rotas comerciais cos países de África central. A expedición partiu de Tripoli a comezos de 1850, pero as mortes de Richardson (marzo 1851) e Overweg (setembro 1852) deixaron a Barth á fronte da misión, e foi el o primeiro europeo en visitar Adamawa. Voltou a Europa en setembro de 1855.
A historia desa viaxe - que o levou a cruzar o Sahara ata chegar ao lago Chad e Bagirmi e ir logo cara Timbuktu polo oeste e Camerún polo sur- con valiosos estudos sobre topografía, historia e costumes dos países que visitou apareceu simultaneamente en inglés e alemán co título inglés de Travels and Discoveries in North and Central Africa (1857-1858, 5 vols.), considerado o mellor traballo na súa clase ata a aparición das Bibliographies de Darwin
Xa en Alemaña preparou unha colección de vocabularios de linguas de África central, que apareceron entre 1862 e 1866, e seguiu a viaxar, en 1858 viaxou polo Oriente Medio e en 1862 viaxou polo Imperio Otomano. En 1863 aceptou o posto de profesor de xeografía na Universidade de Berlín e elixírono presidente da Sociedade Xeográfica.