Igrexa de Inglaterra
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Igrexa de Inglaterra é unha igrexa cristiá anglicana, que ten a condición de relixión de estado de Inglaterra e é igrexa nai da Comuñón Anglicana. A cabeza espiritual da Igrexa é o arcebispo de Canterbury que o é tamén da Comuñón Anglicana. O monarca británico ten o título constitucional de Gobernador Supremo da Igrexa de Inglaterra. O Sínodo Xeral é o corpo que goberna a Igrexa de Inglaterra, as súas medidas teñen que ser aprobadas polo Parlamento do Reino Unido antes de recibir o plácet real e converterse en parte da lei inglesa. Ademais de Inglaterra ten xurisdición sobre a Illa de Man, Illas da Canle, algunhas parroquias de Flintshire (Gales) e Xibraltar que como diocese cobre toda Europa e conta con 200 lugares de culto. A Igrexa de Inglaterra considérase dentro da tradición reformada, xa que acepta moitos dos principios que levou á separación dos protestantes e en non recoñecer a autoridade do Papa, e tamén dentro da tradición católica (mais non católica romana) xa que se considera continuadora da tradición apostólica. Establece a Biblia como única fonte de fe, admite a súa libre interpretación e afirma o carácter subxectivo dos sacramentos.
A reforma relixiosa produciuse en Inglaterra polo interese da monarquía de subordinar os intereses eclesiásticos aos políticos sen a interferencia do papado. A ruptura produciuse en 1534 ao negarseo o Papa anular o matrimonio de Henrique VIII. María I de Inglaterra retornou á obediencia a Roma en 1555 e desencadenou unha violenta persecución contra os non católicos, a situación deu a volta no reinado de Isabel I de Inglaterra a partir de 1558.