Moeda cuñada en Galicia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
As primeiras moedas que se cuñaron en Galicia datan do ano 25 a.C., cando o emperador romano Augusto deu ordes de cuñar nunha ceca móbil establecida en Lucus Augusti ases e denarios cos que poder financiar as guerras que mantiña contra os cántabros e os astures. E durante todo o Imperio Romano seguiu a ser Lucus Augusti a ceca predominante de Gallaecia.
Coa chegada dos suevos e visigodos adquiren importancia tamén Tui e Valdeorras.
A Coruña e en menor medida Santiago de Compostela, Tui e Ourense serán as principais cecas durante a Idade Media. En 1107 Diego Xelmírez conseguiu do rei Afonso VI o privilexio de cuñar moeda. Xa na época moderna A Coruña é a única que continuou producindo moeda, ata que en 1696 finaliza a súa produción.
A última ceca que se estableceu en Galicia foi a Real Casa da Moeda de Xubia, que emitiu moeda entre 1811 e 1868.