Murasaki Shikibu
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Murasaki Shikibu (紫式部), dama da corte xaponesa a mediados da era de Heian (século X-XI), é sobretodo coñecida pola súa novela A Historia de Genji (源氏物語, Genji monogatari).
Foi coñecida inicialmente como Tō-shikibu (藤 式部) - un nome nyōbo creado a partir do rango do pai, Tō (藤), de onde Tō-shikibu do apelido paterno (藤原) e relacionado con un título (shikibu-taijō, 式部大丞) cortesán - , mais o seu posterior nome propio "Murasaki", que quere dicer "púrpura", procede dunha alcuña que se lle dou na corte, tomado dun personaxe do mesmo "Genji monogatari", que causara unha grande impresión no público.
Filla de Tametoki Fujiwara, dignatario da corte, casou con Nobutaka Fujiwara, mais loguiño enviuvou, entrando ao servizo dunha das dúas emperatrices-consortes do emperador Ichijō, Shōshi. Durante este período, altos dignatarios como Fujiwara no Michinaga (藤原道長) emprestáronlle atención.
A súa obra principal, considerada como unha obra-mestra da literatura do seu país é A historia de Genji. Ademais legou outra obra, un dietario íntimo (紫式部日記, Murasaki Shikibu nikki), e unha colección de poemas que fixo que fose considerada como un dos trinta e seis grandes poetas da época.
[editar] A Historia de Genji
Genji monogatari é unha extensísima narración que refire a vida e aventuras amorosas do ficticio príncipe Hikaru Genji ("príncipe Brillante") e dos seus descendentes ao longo de 54 capítulos que ocupan un total de 4.200 páxinas. Os primeiros 41 capítulos comezan con os amores entre o emperador Kiritsubo e unha dama de rango inferior na súa corte, dos que nace o protagonista, Genji. Este mantén unha ilícita aventura con a súa madrasta, a dama Fujitsubo, que conclúe ao morrer Murasaki, a muller que máis significou na súa vida. Á par desenvólvese a historia do ascenso social de Genji na corte e a súa caída en desgraza, seguida do seu exilio e retorno. Os 13 capítulos restantes (3 capítulos transitorios e os denominados 10 capítulos Uji) contan a historia dos descendentes de Genji: o seu fillo Kaoru e mais o seu neto, o príncipe Niou. Os amores e rivalidades destes personaxes continuarán as peripecias de Genji sen conseguir a brillantez anterior. Porén, este relato está trufado de todo tipo narracións episódicas que converten a obra nun vasto fresco da sociedade da época.
Da novela extráese unha melancolía existencial motivada polo contraste entre o refinamento aristocrático e as fermosuras da natureza con os sufrimentos e miserias orixinadas e impostas aos sentimentos dos personaxes femeninos, vítimas dunha sociedade poligámica. O sentimento do efímero, que confire á narración a filosofía budista, acentúase no final da obra e contribúe a esa sensación melancólica. A novela esta inxerida de pequenos poemas (soen ser de catro versos), e a miudo constitúen a parte máis importante dos diálogos dos personaxes, que os envían entre si por escrito ou os recitan mutuamente nos momentos máis emotivos.
O crítico Harold Bloom inclúe a "Historia de Genji" na súa lista de 100 obras canónicas mundiais, indicando que ven a equivaler ao que Don Quixote representa na literatura occidental.