Praia da Lanzada
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A praia da Lanzada é un dos areais galegos máis coñecidos. Está situada no tramo de costa entre o concello de Sanxenxo e O Grove.
É unha praia aberta con máis de 2 km de lonxitude. Ten concedida a bandeira azul e dispón de multitude de servizos, tales como acceso a minusválidos, vixilancia, posto da Cruz Vermella, duchas, teléfonos públicos, pasarelas, hamacas,...
Localmente dánselle nomes aos seus tramos. A partir da punta da Lanzada está Area Gorda; a continuación do illote do Outeiriño ou punta de Lapa chámase a praia de Lapa e por último está a praia da Lanzada propiamente dita.
Nas proximidades atópanse a Torre da Lanzada, o Castro da Lanzada e a ermida de Santa María da Lanzada.