Quempallou
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Quempallou aparece na escena musical galega na primavera de 1999 cun proxecto folk que pretende desenvolver os ritmos tradicionais galegos tentando conserva-la súa frescura orixinal. Os integrantes de Quempallou, nativos seis deles de Bueu e dous do Incio, teñen dado numerosos concertos en Galiza e Portugal entre os que cómpre salientar algúns no país coma a II Festa Folc de Vilariño (O Hío, Cangas do Morrazo), a Festa do Marisco do Grove, ou o festival organizado pola Amelga (Asociación de Músic@s en Lingua Galega) na compostelá Praza da Quintana a prol da lingua; así coma outros por terras portuguesas, coma a I Xuntança de Gaiteiros de Pinhal Novo, ou o II Festival de Música Tradicional de Macedo de Cavaleiros .
No Outono do 2000 gravaron a súa primeira maqueta, a cal lles permitiría clasificarse para a final do II Certame para Grupos Folk Noveis Radio Obradoiro. Esta final celebrouse o 26 de Xaneiro do 2001 no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), tendo como xurado a figuras tan importantes do folk na Galiza coma Anxo G. Pintos (Berrogüetto), Uxía Pedreira (ex-Chouteira), ou Óscar F. Sanjurjo (Os Cempés), quenes declararon por unanimidade a Quempallou gañadores do debandito certame. Asimesmo, acadan o 2º premio na final do II Concurso de Música Folk Cuartu los Valles celebrado o pasado 28 de Xullo en Navelgas, Tinéu (Asturies), no cal participaron grupos de todo o estado español e Portugal.
Os puntos fundamentais da súa música son o traballar sobre os ritmos tradicionais galegos tentando conserva-la súa frescura orixinal, e ante todo buscando un estilo moi bailábel para goce tanto dos propios músicos coma do público, sexa da idade que sexa. Deste xeito, Quempallou pódese gabar de facer dos seus concertos unha festa rachada, entre pasodobres, rumbas, muiñeiras, polcas..., para diversión de tódolos presentes. O seu instrumental é fundamentalmente tradicional, só sorprendido cando o consideran preciso por algún que outro instrumento alleo pero enriquecedor, como poden ser o mandocello (buzuki), o piano ou as frautas de bico.
[editar] Compoñentes
- Roi Maceda: acordeón, coros.
- Guillerme Ignacio: gaitas, frautas, percusións, voz.
- Xulio Coira: gaitas, clarinete, coros.
- Isaac Millán: buzuki, guitarras, harpa.
- Xulio Abal: guitarra acústica, mandolina.
- Roi Adrio: tamboril, caixa, percusións, coros.
- Xosé Maceda: bombo, percusións, coros.