Ramón Sampedro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ramón Sampedro (1943 - 1998) foi un mariño, escritor galego e defensor da eutanasia.
Naceu o 5 de xaneiro no Porto do Son. Con 19 anos enrólase na mariña mercante co obxectivo de coñecer mundo. Aos 25 anos, un accidente déixao tetrapléxico, e sen poderse mover de pescozo para abaixo. Á volta, decidido a morrer, emprende unha loita legal polo dereito a exercer a eutanasia, para o que precisaba asistencia, e que non fora lesivo legalmente para a persoa ou persoas que o axudaran. Esta loita legal non deu os froitos agardados, malia a repercusión mediática do caso, pois chegou tanto á xustiza española como a unha comisión europea en Estrasburgo. O seu caso tivo un seguimento tal que apareceu nos xornais de todo o mundo.
Escribiu dous libros: Cartas desde el infierno (1996) onde agrupou os seus escritos ata ese momento e, xa postumamente, o poemario Cando eu caia (1998). Nese preciso ano do 1998 decide levar a cabo un plano para acabar coa súa vida. Faleceu o 12 de xaneiro do 1998, envenenado probabelmente coa axuda da súa amiga Ramona Maneiro.
No 2004, Alejandro Amenábar levou as súas vicisitudes ao cine con Mar adentro, que recibiu infinidade de premios, entre os que destace un Óscar á mellor película estranxeira.