Reino de Masa
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O reino de Masa foi un pequeno estado do occidente de Anatolia que existiu sobre o século –XIII. Estaba situado na clásica Galacia ou nordeste de Frixia, e sur do Ponto. No século –XIV foi poboado por tribos kaska, e fixo nela unha campaña o rei Tudhaliyas III, acompañado do seu fillo e futuro sucesor Suppiluliumas I (daquela príncipe), sobre o 1360.
Despois da conquista hitita de Arzawa (sobre -1320/-1310) un rei que as taboíñas mencionan cono E.gal.pap (os dous puntos están por dúas letras que faltan) sublevouse ao oeste de Hatti durante uns dez anos. Maskhuiluwas de Mira e Kuwaliya, inicialmente leal aos hititas, canso da súa tutela, uniuse ao rebelde e incitou tamén á rebelión do reino de Pitassa. E.gal.pap podería ser o rei de Masa pero iso non se pode confirmar.
Mursilis II foi a Sallapa desde onde ameazou a Maskhuiluwas de Mira e Kuwaliya; este fuxiu ao reino de Masa, mentres o seu reino de Mira e Kuwaliya se rendeu aos hititas. Mursilis invadiu Masa, causando moitos danos. Mursilis ameazou coa destrución a Masa e a xente do país fixeron prisioneiro ao rei rebelde e entregárono ao rei hitita, sendo enviado a Hattusa e despois nomeado gran sacerdote dunha cidade sagrada, e no seu lugar Mursilis instalou a un sobriño e fillo adoptivo do deposto, chamado Kupanta-Kurunta. Suponse que E.gal.pap foi derrotado nas campañas de Mursilis a partir de seu décimo cuarto ano de reinado e neses anos Masa foi incorporada aos dominios hititas. Pero ao comezo do reinado de Muwatallis II aínda aparece Masa atacando a Wilusa, o rei da cal, Alaksandu, pediu axuda ao rei hitita, grazas á cal rexeitou a invasión. Alaksandu estableceu un novo tratado cos hititas polo que se convertía en vasalo.