Romaría dos Caneiros
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A romaría dos Caneiros celebráse na vila coruñesa de Betanzos todos os meses de Agosto, como parte do programa das festas de San Roque.
Os días 18 e 25 de agosto, os betanceiros diríxense ao coñecido "Campo dos Caneiros" de forma moi diversa para pasar un día de festa.
Facendo un pouco de historia, xa temos noticias da celebración desta festa na prensa diaria do século XIX (por exemplo, na Revista Gallega que dirixía na cidade da Coruña Galo Salinas).
Nas súas orixes, os betanceiros, despois dos tres días "grandes" das festas de San Roque, e despois ter elevado o globo de papel máis grande do mundo; acudían en barco a un campo situado nas marxes do Mandeo para pasar unha tarde de merenda ao son das gaitas. Por tanto, podemos comprobar que nesta romaría non hai a máis mínima pegada de tipo relixioso (é unha festá absolutamente pagá).
Hoxe en día, a festa converteuse nunha troula sen fin á que acoden xentes de toda a comarca, e da Galiza en xeral, para defrutar da música, do baile e, sobre todo, do viño.
Como xa se comentou, para desprazarse ao campo dos Caneiros utilízanse diversos medios: camiñando, no automóbil ou nas tradicionais barcas engalanadas para a ocasión.
Durante toda a tarde, e mentres a marea o permite, pódese vivir unha festa totalmente singular que remata, como non podía ser doutra maneira, cun espectáculo pirotécnico.