Tipoloxía lingüística
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Subdisciplina da lingüística que estudia as linguas do mundo. Porén, esta perspectiva pode abordarse segundo varios parámetros clasificatorios que implican distintas tipoloxías:
- Tipoloxía xenética ou tipoloxía filoxenética: trátase de establecer as relacións no tempo (diacronía) entre as distintas linguas, agrupándo as relacionadas nunha familia lingüística. Así, sabemos que o galego procede maioritariamente do latín, e este do chamado Indoeuropeo (xunto co grego, as linguas eslavas, as linguas xermánicas, as linguas célticas e o resto das linguas románicas, fenómeno que é estudado pola Indoeuropeística). Inda así, non sempre son claras estas relacións diacrónicas debido á escasa presenza de restos que permitan reconstruír as linguas pasadas, o cal pode dar lugar a críticas metodolóxicas (no caso do Indoeuropeo pódese comparar a chamada teoría continuísta);
- Tipoloxía estrutural: estudo das linguas dende o punto de vista estrutural. As diversas características fónicas ou morfosintácticas estudadas marcan diferentes padróns de distribución. Algúns dos trazos lingüísticos máis coñecidos para esta clasificación son: repertorio fonético, orde de constituíntes (o máis habitual é o SOV e SVO), marca flexiva de caso nominal, categorías gramaticais marcadas (caso, número, xénero ou clase nominal, voz verbal), etc. Isto implica que moitas veces se descubran leis que abranguen a características comúns a tódalas linguas, chamadas universais, ou ben unha relación entre universais, chamada implicación tipolóxica ou universal implicativo. Outros trazos que se poden analizar, tanto nesta clasificación coma na anterior son os sistemas de escritura (v. Grafémica);
- Tipoloxía areal: busca explicar as semellanzas entre linguas que comparten un mesmo territorio. Por exemplo, en Europa adoita falarse de linguas balcánicas debido a que, mesmo sendo de familias lingüísticas distintas (románica, eslava, xermánica e ugrofinesa), comparten certas características comúns que as afastan das outras linguas de cadansúas familias (por exemplo, a posposición do artigo);
- Tipoloxía sociolingüística: desenvolvida en parte gracias á estandardoloxía de Marko Muljacic, determina a posición de linguas co mesmo estatus, sexa coma lingua oficial, lingua minorizada, lingua cooficial, lingua de traballo, lingua internacional, lingua franca, etc.;
- Demolingüística: estudia as linguas tendo en conta o número de falantes nativos ou que as teñen coma segunda lingua. Isto fai que apareza unha orde (que non debe ser interpretada coma xerárquica) onde aparecen coma preminentes linguas coma o mandarín, o hindí, o inglés, o castelán, o bengalí, o brasileiro ou o ruso. Na outra banda están as linguas menos difundidas e mesmo extintas.
(v. Linguas en perigo de extinción e Linguas do mundo)
[editar] Ligazóns externas
Páxina sobre as linguas dos aborixes australinos (en inglés)
Páxina sobre universais léxicos (números) e algunhas caracterizacións (en inglés)