Vela de relinga
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A vela de relinga é un tipo de vela para embarcacións xeralmente de pequeno porte, caracterizada por ter un pano asimétrico e levar envergue só na parte superior. Esta tipoloxía é de tipo latino pola asimetría, e toma o nome da relinga, que é o borde do pano que se mantén teso.
A diferenza da tipoloxía da vela de coitelo, onde a relinga vai encaixada na guía do pau para afirmar a vela, a vela de relinga é afirmada por tensión. Vai envergada pola parte superior nunha verga, que é a que se iza no mastro ou pau, e amurada a proa no puño de relinga, quedando teso o borde de relinga.
O puño de escota é o vértice que queda libre, que é o que controla a orientación da vela respecto á dirección do vento mediante a axuda da escota, que é manexada pola tripulación.
As dornas levan vela de relinga.