Ánxel Casal
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ánxel Casal Gosenge (A Coruña 1895 - Cacheiras, Teo 1936) foi un editor e político galego.
Naceu o 17 de decembro de 1895. En 1909 emigrou a Bos Aires; alí estivo empregado en diversos oficios dous anos. Voltou á Coruña e atopou traballo no consulado de Francia. Debido á precariedade económica emigrou outra volta, desta vez a Bordeos, pero regresou aos poucos meses. De 1914 a 1917 cumpriu o servizo militar, do que sempre gardaría malos recordos. Uniuse á Irmandade da Fala da Coruña, colaborou no Conservatorio da Arte Galega e foi o promotor e primeiro mestre da Escola do ensino galego (galeguista e laica) 1926-1931 das Irmandades, a primeira que utilizou o galego.
En 1920 casou con María Miramontes e para sobreviviren abriron unha tenda de tecidos. En novembro de 1924, en colaboración con Leandro Carré Alvarellos, fundou a Editorial Lar. Desvencellouse desa iniciativa para fundar en 1927 a Editorial Nós. Da súa imprenta saíron A Nosa Terra e a Revista Nós. En 1930 funda o xornal republicano El Momento que, por falla de apoio, só durará 14 números e arrastra a Nós case a quebra.
En agosto de 1931 trasladouse para tratar de remontar a empresa a Santiago. A súa actividade como libreiro e impresor é fundamental para explicar o desenvolvemento do galeguismo entre os mozos compostelanos. Coa súa imprenta traballando para os sindicatos e a esquerda republicana, gañouse o respecto dos diversos grupos que en 1935 constiuirían a Frente Popular. Aló continuou a imprimir e colaborar en diversas iniciativas republicanas, galeguistas e sindicalistas. Foi o editor e impresor das revistas vangardistas Claridad (1934) e Ser (1935)
Militante desde a súa creación do Partido Galeguista, foi alcalde de Santiago elixido por maioria entre os membros da Comisión xestora desde febreiro de 1936 até o 9 de Xullo en que con todos os concelleiros galeguistas dimitirá dos seu cargos. Vicepresidente da deputación Coruñesa e do Comité executivo para o estatuto de Galiza, desenvolverá unha frenética actividade para conseguir a súa aprobación. Como alcalde impulsará tamém a iniciativa de Álvaro de las Casas para constituír a Asociación de Escritores Galegos. O 16 de Xullo entrega nas cortes o texto estatutario aprobado o 28 de Xuño. Aló, enteirado das novas golpistas, regresa a Compostela para tratar de impedir o éxito do golpe de estado. Reincorporado o 19, faise cargo da Alcaldía, tratando de organizar a resistencia. Tras o triunfo da sublevación militar do 18 de xullo escapou para a parroquia Arzúa de Vilantime. Foi detido o 4 de agosto, e paseado o 19 de agosto, o seu corpo apareceu xunto ao de José Areosa Devesa nun foxo da estrada de Cacheiras, marcado hoxe cun pequeno monumento.