Amisos
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Amisos foi unha cidade do Ponto na parte occidental da baía de Amiseno, na costa do Mar Negro.
Teopompo di que foi unha colonia de Mileto. Pero Escimno de Quíos di que foi unha colonia de Focea, fundada sobre o -559. É posíbel que fose orixinariamente milesia e despois fose poboada polos foceos.
Converteuse na máis prospera de todas as colonias da costa do Mar Negro, despois de Sínope. Pasou despois aos reis do Ponto (século -III) e Mitrídates Eupátor converteuna en residencia alternativa de Sínope e agrandouna cun barrio chamado Eupatoria, probabelmente ben separado do resto da cidade. Durante as Guerras Mitridáticas no -71, resistiu bastante tempo o ataque do romano Lúculo, que finalmente a ocupou. Farnaces, fillo de Mitrídates, ocupou a cidade. Farnaces foi derrotado por Xulio César na batalla de Zelea e converteuna en cidade libre o -47 ata que Marco Antonio a deu ao rei Polemón I do Ponto sobre o -36. Outra vez aparece despois como cidade libre dentro ou fóra do reino, pero baixo o tirano Estratón. Despois de Actium o -31, o tirano foi eliminado e volveu a ser cidade libre, posición que conservou durante o imperio; Traxano recoñeceulle as súas propias leis.
Foi parte do Imperio Bizantino ata o 1204, e despois do confuso período do 1205 en que Nicea e Trebisonda se disputaron o Ponto, no 1206 xa estaba baixo dominio do Imperio de Trebisonda. O 1277 foi ocupada polos turcos, baixo os cales a cidade pasou a chamarse Samsun.