Asociación Regionalista Gallega
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Asociación Regionalista Gallega, foi unha organización política rexionalista galega activa entre 1890 e 1892.
En novembro de 1890 constituíuse en Santiago de Compostela o Comité Central Regionalista presidido por Manuel Murguía, aínda que a maioría dos seus membros viñan do tradicionalismo, entre eles destacaban Alfredo Brañas, Salvador Cabeza de León, José Tarrío e Juan Barcia Caballero. En 1891 fórmanse comités locais, baixo o nome xa de Asociación Regionalista Gallega, en Lugo, A Coruña, Ourense, Pontevedra e Tui. En total non chegou a moito máis de 50 asociados, aínda que nas eleccións municipais de Santiago, José Tarrío saíu elixido concelleiro.
La Patria Gallega (1891-1892) foi o seu órgano oficial, dirixido por Murguía, e no que Brañas escribiu artigos importantes para a evolución posterior do rexionalismo.
Entre as actuacións da ARG, destaca a organización dos Xogos Florais de Tui en 1891, nos que Brañas e Murguía empregaron o galego por vez primeira nun acto público.
As diferenzas entre tradicionalistas e liberais impediu a consolidación da organización, aínda que foi un chanzo moi importante na formación dun sentimento nacional galego, ao ser a primeira organización política rexionalista de Galicia.