Cladoxénese
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
En bioloxía evolutiva, a cladoxénese é un mecanismo de especiación polo que dunha poboación xorden dúas poboacións diferentes e reprodutivamente illadas. Contrasta co proceso denominado anaxénese.
A anaxénese implica a transformación gradual dunha liñaxe evolutiva en tanto que a cladoxénese produce diversificación ou ramificación. A cladoxénese foi a forma máis habitual de formación das especies. A diferenciación dunha especie en dúas especies diferentes require dous procesos indispensables:
- a diverxencia xenética e
- o illamento reprodutor.
Sen as dúas condicións é evidente que nunca se poderían orixinar dúas especies distintas a partir dunha única poboación. Hai dúas propostas de especiación que conseguen ambos os efectos de maneiras distintas: a especiación alopátrida e a especiación simpátrida.