Ctesias
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ctesias (Cnido, séculos V-IV a.C.) foi un historiador grego e médico de Artaxerxes Mnemón na corte de Persia. Acompañouno na súa expedición do ano -401 contra o seu irmán Ciro o Xove. É o autor dunha Historia de Persia, ou Pérsica en 23 libros en dialecto xónico desde as orixes até o -389 seguindo o modelo de Heródoto mais introducindo elementos novelescos. Consérvase un fragmento extenso en papiro, así como un resumo de Focio (século IX) e fragmentos reproducidos por Plutarco e Diodoro Sículo. Redactou tamén tratados sobre os ríos e sobre a economía persa, e unha descrición da India.
Os primeiros seis libros da Pérsica tratan da historia de Asiria e Babilonia até a fundación do Imperio Persa. Escribiunos en oposición a Herodoto e hoxe estímase que non son moi veraces.