Dupla articulación da linguaxe
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O lingüista funcionalista André Martinet considera que a característica que opón as linguas naturais humanas ó resto de sistemas comunicativos é a organización en dous planos ou articulacións:
- Grazas á primeira articulación o enunciado (oral ou escrito) pode ser segmentado en unidades dotadas de sentido: oracións, frases, sintagmas e, por último, monemas (lexemas e morfemas).
- Grazas á segunda articulación os monemas poden ser segmentados en fonemas, xa desprovistos de sentido.
A dupla articulación evita sobrecargar a memoria e economizar esforzos, xa que as unidades lingüísticas poden reutilizarse: con só unhas ducias de fonemas e as súas combinacións pódense formar miles de monemas que, arranxados diversamente, transmiten unha infinidade de mensaxes.
Porzig afirma que a articulación é o procedemento que permite distinguir entre a linguaxe dos homes e a dos animais: a enunciación vocal humana é articulada porque se presta a unha división sistemática, por medio da cal chegamos a elementos sonoros significativos; e por outro lado, eses elementos existen porque a súa significación permanente asegura a súa individualidade e nolos fai recoñecer sempre iguais a si mesmos nas máis variadas circunstancias.
[editar] Ver tamén
- Articulación (fonética)
- Articulación do discurso