Escola Rexional de Declamación
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Escola Rexional de Declamación foi o intento máis serio de consolidación do teatro galego até o traballo das Irmandades da Fala, fundadas en 1916.
O 18 de xaneiro de 1903 actores e actrices da Coruña representaron a obra dramática ¡Filla...! de Galo Salinas. Pouco despois ese colectivo, dirixido polo propio Salinas, constituiu na Coruña a Escola Rexional Galega de Declamación. Logo o seu Presidente será Manuel Lugrís Freire, máximo representante do teatro social, o primeiro escritor teatral en utilizar a prosa e autor da totalidade dos espectáculos realizados polo cadro coa excepción da obra de Salinas: A Ponte (1903), Minia (1904) e Mareiras (1904).
A Escola vai ser a primeira compañía teatral dedicada á realización de espectáculos en galego e constitúe a primeira iniciativa de formación teatral que se emprendeu na Galiza. A pesar da súa curta traxectoria -desapareceu aos dous anos sen acadar os obxectivos esperados- converteuse nun feito transcendental e pioneiro no desenvolvemento do teatro rexionalista e na creación dun movemento teatral galego.