Gertrude Elion
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Gertrude Belle Elion (Nova York, 1918 - Chapel Hill, 1999). Bioquímica estadounidense.
Nada o 23 de xaneiro de 1918 en Nova York (EEUU) dunha familia de inmigrantes xudeus e morta o 21 de febreiro de 1999, Gertrude B. Elion foi unha bioquímica e farmacóloga norteamericana que recibiu o Premio Nobel de Medicina no 1988, xunto con George H. Hitchings e Sir James Black. Graduouse no Hunter College no 1937 e traballou como asistente de laboratorio, primeiro nun centro de ensino e logo con Hitchings nunha compañía farmacéutica. Nunca obtivo o título universitario.
Soa ou con Hitchings sintetizou moitos novos fármacos, usando novos métodos a partir da diferenciación bioquímica entre células normais e patóxenas para poder matar ou inhibir a reproducción de patóxenos particulares sen perxudicar as células do hóspede, o que a levarían a liderar o equivo que logrou o anti-SIDA AZT.
Os seus inventos inclúen:
- 6-mercaptopurina, o primeiro tratamento para a leucemia.
- azatioprina, o primeiro axente immuno-supresivo, usado para trasplante de órganos.
- allopurinol, para o tratamento da gota.
- pirimetamine, para a malaria.
- trimetoprim, para a meninxite, septicemia e infeccións bacterianas dos tractos respiratorios e urinarios.
- aciclovir, para o herpes vírico.
A máis do Nobel, recibiu a Medalla Nacional de Ciencia dos EEUU e o Lemelson-MIT Lifetime Achievement Award, sendo a primeira muller (1991) en entrar no National Inventors Hall of Fame.