Identidade Galega
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Identidade Galega (IDEGA) é un partido que se declara galeguista de centro e herdeiro da Dereita Galeguista de Vicente Risco e Filgueira Valverde, aínda que a súa orixe era a estrema dereita.
Froito dunha escisión de Democracia Nacional, legalizouse o 19 de outubro de 2004 e o 4 de novembro celebrou a súa Primeira Asemblea Xeral. Contaba con arredor de 50 militantes, os seus principais dirixentes foron Xosé Lois Pérez e Xoán Lois Manteiga. O 7 de setembro de 2005 anunciou a súa integración no Partido Galeguista.
O seu programa reflictía unha política etnicista, contraria á inmigración, con posturas próximas ao racismo.
Nas eleccións autonómicas de 2005 presentouse pola provincia da Coruña con Manuel Ambite como candidato á Presidente da Xunta, e obtivo 376 votos.
En xuño de 2006 os militantes do partido deixaron o PG e reconstituiron o partido en oposición á política sobre inmigración desenvolvida polo PG.