Juanjo Sáez
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Juanjo Sáez Domper (Barcelona, 1972), debuxante e ilustrador catalán, estrela da nova cultura indie barcelonesa.
Índice |
[editar] Vida e obra
Juanjo Sáez naceu en Barcelona en 1972. Neto de pasteleiro e fillo dun representante dunha pequena empresa téxtil, de complexión miúda e con crises asmáticas desde os tres anos, estudará na Escola Massana de arte e deseño, onde comeza a súa carreira no mundo do cómic da man de Círculo Primigenio, un fanzine de referencia de mediados dos noventa feito na propia escola. Publicou en revistas gratuítas de tendencias como AB e .H (Punto hache). Na actualidade colabora en xornais como El Periódico de Catalunya, La Vanguardia e El Mundo e en publicacións musicais como Rock de Lux e Factory.
É autor de traballos publicitarios para diversos clubes e para festivais de música: Gutiérrez Festival, Dr. Music, Benicassim. Deseñou portadas de discos para a discográfica Cosmos Records e realizou o anuncio de animación para o Festival Curt Ficcions e a campaña de publicidade "Menta" (Cable, telefonía e Internet de Cataluña). Esporadicamente colabora en tarefas de animación de curtametraxes.
[editar] O estilo
Posuidor dun humor ácido e punxente e dun estilo altamente persoal, o seu grafismo naïf, de trazo case infantil, directo e minimalista, retrata a cultura, tanto alternativa como de masas, da Barcelona (ou, para o caso, de moitas outras urbes) de comezos do século XXI: a prensa gratuíta, as profesións modernas (deseñadores, modelos, fotógrafos, artistas e produtores independentes, djs, etc.), o mundo da censura e da autocensura, a omnipresenza do deseño, da moda e da publicidade, a obsesión polas marcas, os festivais, o techno, os clubes e o movemento gay, ou o seu propio oficio de publicista e ilustrador.
En Vivindo do conto (Viviendo del cuento), unha especie de historia autobiográfica construída a partir das tiras publicadas en .H , é capaz de facer un personaxe de si mesmo para convertelo en protagonista, á vez irónico e sentimental, da crónica urbana e underground do seu tempo. Juanjo Sáez esgarabatea nos seus debuxos coa inxenuidade con que o faría un neno de escola no seu caderno. Servíndose dunha deliberada falta de virtuosismo, os seus debuxos sinxelos recrean, a través das súas cores puras e coa lingua directa e espontánea de quen se dirixe a un amigo, as súas experiencias como ilustrador e aprendiz de publicitario ó longo de dez anos.
Os debuxos e textos manuscritos de Juanjo Sáez (na antítese estética do seu compatriota Jordi Labanda) son a mellor demostración de que todo o mundo pode ser artista a pesar (ou grazas) ós seus erros e imperfeccións. Só é necesario, como indica Pepo Pérez, ter algo que expresar, e a ousadía e vontade para facelo.
[editar] Listaxe de obras
- Buenos tiempos para la muerte, noveliña gráfica (Morsa, 2000)
- Dentro del sombrero, literatura infantil ilustrada, (Kónikos, 2001)
- Viviendo del cuento, novela gráfica, (Mondadori, 2004)
- El Arte. Conversaciones imaginarias con mi madre, novela gráfica (Mondadori, 2006)
[editar] Galardóns
No campo da publicidade, o seu talento e orixinalidade foron recoñecidos cun primeiro premio do Festival de Publicidade de San Sebastián e dous ouros en Cannes.
[editar] Ligazóns externas
- Recensión de Mon Magan de El arte en Monoaural, blog de contracultura
- Recensión de Mon Magan de Viviendo del cuento en Monoaural, blog de contracultura
- Nota crítica sobre Viviendo del cuento en La factoría del ritmo 20, web de cultura musical independente
- Comentarios sobre Viviendo del guento nun blog persoal en castelán
- Prólogo de Pepo Pérez a El Arte. Conversaciones imaginarias con mi madre en ClubCultura, portal da Fnac
- Entrevista de Borja Crespo a Juanjo Sáez
- Entrevista en pdf en La Opinión de Málaga