Miquel Llor
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Miquel Llor i Forcada (Barcelona, 1894 - Tossa de Mar 1966) foi un escritor catalán. Naceu no seo dunha familia humilde e quedou orfo de nai cando era un rapaz, o que xunto coa deformación física que sofría, causada por unha desviación da columna vertebral vanno converter nun neno retraído e solitario.
No ano 1923 asiste a un curso de lingua e literatura catalá que organizaba a Mancomuninade de Cataluña e impartía Jordi Rubió i Balaguer, director da Biblioteca de Catalunya e que van ser fundamentais na súa dedicación á escritura, logo de rematalos inscríbese na sección de literatura do Ateneo de Barcelona e escribe a súa primeira novela, Història grisa, que se publicou en 1925, unha novela psicolóxica e pesimista.
Traballa como delineante ata 1928, ano no que comeza a traballar na sección de cultura do concello de Barcelona, e a partir de 1934 ocúpase da revisión dos escritos en catalán que emitía o concello.
Na súa segunda novela, Tàntal (1928), fai un retrato psicolóxico dun home inadaptado e marxinado pola sociedade.
En 1930 escribe a obra de teatro, Pas de núvols e o libro de relatos L'endemà del dolor. De 1931 é a súa obra máis coñecida, Laura a la ciutat dels sants, obra na que confronta a Laura, barcelonesa culta e refinada co mundo hipócrita e hóstil da ciutat de sants, nunha análise próxima ao realismo social, no que reflicte o tema do inadaptado. En 1934 sae do prelo a colección de contos, L'esguard al mirall. Outras novelas destes anos foron L'oreig al desert (1934) e El premi a la virtut (1935).
Tras a guerra íllase do seu mundo interior e pasa uns anos sen poder traballar no concello, ata que o readmitan uns anos despois, publica unha obra en castelán, La venganza del señor Lobo e non volverá a publicar en catalán ata 1947 cando aparece el Somriure dels sants, que pretende ser unha segunda parte de Laura a la ciutat del sants, pero nunha clave máis tradicional. Outras obras dos últimos anos son Joc d'infants (1950) Tots el contes (1952) e Un camí de Damasc (1959) Miquel Llor traduciu a autores como Giovani Verga, André Gide ou Alberto Moravia.