Normalización lingüística
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Obxectivo do ecoloxismo lingüístico, a normalización lingüística é o proceso tendente a converter unha lingua no vehículo normal de comunicación dunha comunidade. Non debe confundirse con normativización, que é o proceso de estandarización ou fixación formal de todo o corpus da lingua, aínda que este é o significado que se lle dá á palabra na sociolingüística hispánica.
Índice |
[editar] Factores normalizadores
O proceso normalizador dependen para o seu avance de tres factores:
-
- Da acción institucional da comunidade, materializada mediante o poder político, que deberá proporcionar, por medio dunha determinada política lingüística, a lexislación, as medidas e o apoio necesarios tendentes a favorece-lo proceso de normalización lingüística. As institucións públicas teñen a posibilidade de normalizar unha parte moi importante dos ámbitos sociais e de favorece-los procesos de normalización lingüística colectivos e individuais
- Da acción colectiva non institucional daqueles individuos que posuíndo unha conciencia lingüística se agrupan para pular pola marcha do proceso normalizador.
- Da acción individual, asentada na vontade de ser das persoas que forman a comunidade lingüística. Sen este factor básico o proceso nunca se levará a término.
[editar] Normalización vertical e horizontal do galego
A normalización individual (normalización vertical ou do individuo) non se pode acadar sen un proceso consciente e voluntario de galeguización, pois na sociedade galega de hoxe non se dan os condicionantes socioculturais e políticos que permitan ó individuo acceder á expresión completa en galego dunha maneira natural, espontánea e involuntaria.. Así, a normalización lingüística vertical (individual) require un importante esforzo persoal e, aínda que é un fenómeno en aumento, resulta insuficiente, non xa para avanzar no proceso normalizador, senón mesmo para contrarresta-la progresiva perda de usuarios. Na actual situación, a normalización lingüística horizontal, aquela que se produce galeguizando ámbitos, sectores ou áreas da vida social, é a que se presenta como camiño viable e factible de expansión do galego, a que se pode atinxir dunha maneira progresiva no conxunto da sociedade.
[editar] Ligazóns exteriores
- Elaboración e difusión da lingua (O proceso de Normalización do idioma galego). Directores: Henrique Monteagudo e Xan M. Bouzada