Normativa oficial do galego - O alfabeto
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Índice |
[editar] O alfabeto
O alfabeto galego moderno componse das seguintes letras; xunto coa letra e co nome dáse a pronuncia máis representativa:
LETRA | NOME | PRONUNCIA |
---|---|---|
a | a | [a] |
b | be | [b] |
c | ce | [θ] (ou [s]), [k] |
d | de | [d] |
e | e | [e], [ɛ] |
f | efe | [f] |
g | gue | [g] (ou [h] |
h | hache | - (cero) |
i | i | [i] |
l | ele | [l] |
m | eme | [m] |
n | ene | [n] |
ñ | eñe | [ɲ] |
o | o | [o], [ɔ] |
p | pe | [p] |
q | que | [k] |
r | erre | [ɾ], [r] |
s | ese | [s͇] |
t | te | [t] |
u | u | [u] |
v | uve | [b] |
x | xe | [ʃ], [ks͇] |
z | zeta | [θ] (ou [s]) |
Na ortografía galega moderna utilízanse tamén os seguintes dígrafos que representan un único son:
DÍGRAFO | NOME | PRONUNCIA |
---|---|---|
ch | ce hache | [tʃ] |
gu | gue u | [g] (ou [ħ]) |
ll | ele dobre | [ʎ] (ou [ɟ]) |
nh | ene hache | [ŋ] |
qu | que u | [k] |
rr | erre dobre | [r] |
Ademais destas letras úsanse tamén outros signos, como j (iota), ç (cedilla), k (ka), w (uve dobre) ou y (y grego), que aparecen tanto en palabras tomadas doutros idiomas (Jefferson, Eça de Queiroz, Kant, kantiano, Darwin, darwinismo,wagneriano, byroniano, etc.) coma, nalgúns casos, en textos galegos medievais.
[editar] A grafía b e v
O b e o v representan un son único. O galego non ten un son labiodental fricativo [v], distinto de [b] e [β], como teñen o francés ou o portugués. Nestas linguas a grafía actual depende da pronuncia: escríbese b cando é bilabial (port. bala,saber, receber, bico, besta, branco; fr. boire, bec, bête, blanc) e v cando é labiodental (port. vala, dever, vinho, viver, povo, cavalo; fr.voire, devoir, vin, vivre, cheval).
No galego moderno, como non hai distinción fonolóxica, téndese á distinción gráfica conforme á etimoloxía (saber, recibir, gabián, goberno, billa, marabilla, móbil,automóbil, bolboreta, bico, besta, branco, deber, pobo, cabalo,cantabamos, bidueiro, ribeira..., pero viño, vivir, avó, avoa,varrer, vasoira, verza,voda, vulto, covarde, esvelto, gravar, avogado...).
[editar] As grafías c, qu e z
As grafías c, qu e z presentan usos específicos. Úsase z para representar [θ] (ou [s] no galego seseante) ante a, o, u (zapato, cazar, zoco, cazo, zurrichar, azul), qu para representar [k] ante e, i (queixo, pequeno, quilo, máquina), c co valor de [k] ante a, o, u (caro, macaco, contra, pouco, cunca, bicudo) e de [T] (ou [s] no galego seseante) ante e, i (cento, cocer, cinco, tecido).
Polo tanto, as grafías son: ca, que, qui, co, cu e za, ce, ci, zo, zu.
[editar] A grafía g
As grafías g e gu son complementarias: ante e, i úsase gu (guerra, guiso); no resto dos casos úsase g (gando, gomo, gume, grolo, ignorar, glosa, tuareg).
Para explícita a pronunciación con gheada utilízase o dígrafo gh (ghato, ghicho, amigho).
[editar] A grafía h
O h é un signo ortográfico sen valor fonético, pero mantense na grafía, tanto en posición inicial coma en interior ou final de palabra (horta, prohibir, oh, ah).
Mantense o h en haber, home, horta, herba, harmonía e en cantas palabras o tivesen etimoloxicamente, coa excepción dalgúns casos de non reposición como España ou Xoán; en troques, escríbense sen h palabras como ermida, ermo,irmán, ombro, orfo, óso ou ovo, que non o tiñan en latín. Esta fidelidade á etimoloxía mantense tanto co h inicial coma co medial.
[editar] As grafías ll e ñ
As consoantes palatais /λ/ e /n/ represéntanse,respectivamente, por ll e ñ.
[editar] O n e o m implosivos
Cando unha consoante nasal está en posición implosiva, gráfase como m se lle segue b ou p dentro da mesma palabra, e como n en todos os demais casos: camba, ambos, campo, tempo; pero non bebe, nin pode, convén, inverno, ensinar, condenada, inmigrante,comunmente, alguén, etc. En cultismos e préstamos o m pode aparecer tamén en posición final e diante doutras consoantes: álbum, amnesia.
[editar] A grafía nh
O dígrafo nh representa a consoante nasal velar en posición interior antevocálica: unha, algunha, ningunha.
[editar] As grafías r e rr
Escríbese sempre r en posición inicial de palabra, en posición final de sílaba e cando segue a outra consoante (rei,cortar, outro, tres, xenro, honra). En posición intervocálica hai oposición /ɾ/ e /r/,que se traduce graficamente por r/rr (caro / carro, fero /ferro). Cando a unha palabra que empeza por r se lle antepón outra ou un prefixo rematados en vogal, non separados dela por guión,hai que duplicar a consoante: rítmico / monorrítmico, rogativa /prerrogativa, redor / arredor, románico / iberorrománico.
[editar] A grafía x
O grafema x ten máis dun valor en galego: nas palabras patrimoniais pronúnciase prepalatal fricativo xordo (eixe, madeixa, xente, xaneiro); nos cultismos conserva o valor latino de [ks] (sexo, taxativo).Pero a tendencia normal da lingua é pronunciar nestes casos[ks] (aproximar, exame, éxito, etc.), especialmente cando vai en posición implosiva (exterior,externo). Para a adaptación gráfica de palabras cultas con x[ks], vide 7.7.